Esta actuación de Augas de Galicia forma parte das 12 actuacións prioritarias do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que suman unha achega de 47 M€

A Xunta recibe 10 ofertas para a redacción do proxecto da mellora do bombeo de Cocheras, cuxas obras suporán un investimento autonómico de 3,7 M€

Trátase de mellorar o sistema de saneamento Cocheras-Os Praceres e paliar as consecuencias das deficiencias da rede municipal pola infiltración de pluviais e do mar e evitar vertidos no fondo da ría

Definiranse as novas estruturas para transportar desde Cocheras 1.600 l/s cara á depuradora dos Praceres, en lugar dos 600 l/s actuais

Deseñaranse as conducións con capacidade para asumir o caudal na marxe da ría e unha estrutura de desbaste para que a auga residual vaia pretratada á depuradora

A redacción do proxecto, ao que se destina un investimento de case 125.000 euros, comezará este ano coa fin de licitar as obras en 2022

Continúase coas obras de mellora da depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5 M€, e as do novo emisario, con 12 M€, comezarán en breve

En verán licitarase a mellora da rede de saneamento do río Lameira, en Marín, e xa está en contratación o proxecto do bombeo da Seca e Porto Campelo, en Poio

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 10 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da mellora do bombeo de Cocheras, cuxas obras suporán un investimento autonómico de 3,7 millóns de euros.

Trátase de avanzar no saneamento da ría de Pontevedra e impulsar as actuacións necesarias para a mellora da eficiencia e rendemento do sistema de saneamento Cocheras-Os Praceres, paliando as consecuencias das deficiencias da rede municipal de saneamento, derivadas das infiltracións de augas pluviais e procedentes do mar, e para evitar vertidos no fondo da ría.

Mediante este contrato, ao que se destina un investimento de case 125.000 euros, definiranse un conxunto de infraestruturas hidráulicas na rede municipal para transportar desde Cocheras 1.600 litros/segundo cara á depuradora dos Praceres, en lugar dos 600 litros/segundo actuais.

A redacción do proxecto construtivo, cuxo prazo de execución é de 6 meses, definirá novas conducións con capacidade para asumir o caudal na marxe da ría, estancas, para evitar infiltracións, así como unha estrutura de desbaste para xestionar os sólidos grosos e que a auga residual que vai á depuradora chegue xa pretratada.

O obxectivo do departamento que dirixe Ethel Vázquez é iniciar este ano a redacción do proxecto construtivo e licitar as obras en 2022, cuxo investimento será achegado desde a Xunta, empregando tamén fondos Feder 2014/2020.

A Xunta mantén a súa colaboración cos concellos no saneamento e abastecemento, de responsabilidade municipal. Neste caso, para executar esta mellora do bombeo de Cocheras agárdase, tamén, a colaboración do Concello de Pontevedra para a tramitación municipal que corresponde.

Esta actuación de Augas de Galicia no bombeo de Cocheras é unha das doce actuacións definidas no Plan de saneamento local da ría, que a Xunta se comprometeu a executar para axudar aos concellos de Pontevedra, de Poio e de Marín nas súas competencias e acadar o saneamento integral da ría. Suman un investimento autonómico de 47 M€.

Cómpre lembrar que entre estas actuacións se inclúe a execución, en marcha, para a mellora da depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5M€, e as obras do novo emisario, con 12 M€, que comezarán en breve.

Tamén se inclúen as dez actuacións proxectadas na rede de saneamento, unha vez que xa está asinado o convenio para a mellora da rede de saneamento do río Lameira, en Marín, e que se están a tramitar as expropiacións para licitar as obras no verán.

Ademais, neste momento está xa en fase de contratación a redacción do proxecto do novo bombeo da Seca e de Porto Campelo, en Poio, que se suma a este proxecto do bombeo de Cocheras.

A Xunta segue traballando para avanzar cara ao saneamento integral desta ría, catalogada en Europa como “zona sensible”, pola súa importancia para o marisqueo, a pesca e todas as actividades que se desenvolven ao seu arredor.