A Xunta lanza unha nova convocatoria do programa de axudas á formación e divulgación da industria forestal

Feijóo salienta que o obxectivo é incrementar a capacitación dos traballadores e dar a coñecer a importancia do sector

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Xunta lanza unha nova convocatoria do programa de axudas á formación e divulgación da industria forestal.

Tras incidir en que se prevé convocar a 1.500 profesionais, realizar 136 actuacións e alcanzar a 15 organizacións do sector, Feijóo salientou que o obxectivo destas axudas é “incrementar a capacitación dos traballadores” e dar a coñecer a importancia da industria forestal.

Segundo explicou o presidente da Xunta, financiaranse dous tipos de actividades: actividades formativas non regradas -sempre que se acredite unha asistencia mínima de 10 persoas e cando o 70% do alumnado asista ao 80% da duración- e actividades divulgativas, nas que se constate unha asistencia mínima de 20 persoas.

Feijóo explicou que esta iniciativa está dirixida a axentes representativos do sector e da cadea de valor como: asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro; agrupacións empresariais innovadoras representativas e colexios profesionais. E engadiu que as asociacións “poderán recibir como máximo 120.000 euros”.

Tras lembrar que esta nova convocatoria dá continuidade á do ano anterior, Feijóo avanzou que a Xunta seguirá dando pasos no ámbito da industria forestal noutras liñas.

Así, o titular do Goberno galego anunciou que esta semana pechou o prazo para solicitar os apoios por 11,3 millóns de euros dirixidos a respaldar investimento en tecnoloxía, procesado e comercialización. E, ademais, a vindeira semana abrirase o prazo para solicitar as axudas de valorización e innovación por 2 millóns de euros.

“En total estamos falando de máis de 13,2 millóns de euros para a industria forestal”, concluíu Feijóo.

Imaxes relacionadas