A Xunta publica no DOG a extensión da gratuidade no transporte público aos menores de 21 anos de toda Galicia, que será efectiva desde mañá coa utilización da tarxeta ‘Xente Nova’

 A tarxeta ‘Xente Nova’ pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias

Na web ‘bus.gal’ pode ampliarse información sobre o funcionamento do dispositivo e as súas vantaxes

Actualmente, máis de 80.500 menores de 21 anos dispoñen deste dispositivo co que viaxan de balde no transporte interurbano da Xunta

O ano 2020, a pesar da crise sanitaria, rexistrou o maior incremento nas tarxetas expedidas desde a súa activación en 2016, emitíndose máis de 21.000 dispositivos

As áreas con maior número de dispositivos son a da Coruña, con 23.480; Vigo, con case 17.610 tarxetas; e Santiago, con preto de 12.350 dispositivos
 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se estende ao conxunto da comunidade a gratuidade no transporte público aos menores de 21 anos coa utilización da tarxeta ‘Xente Nova’.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta resolución: http://xurl.es/q2y00

Esta expansión, que será efectiva desde mañá, permitirá utilizar en toda Galicia este dispositivo que ata agora só podía empregarse nas áreas de transporte metropolitano constituídas (áreas de transporte metropolitano da Coruña, de Santiago, de Ferrol, de Lugo e de Vigo), na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

Neste sentido, todos os galegos menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús da Xunta, desde calquera dos 313 concellos de Galicia a calquera outro, ademais de no barco, no caso da ría de Vigo, e no ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol.

Esta tarxeta pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias. Para empezar a empregala cómpre cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se abonarán as viaxes e, posteriormente, será reintegrado no dispositivo.

Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse a información relativa a este dispositivo e as vantaxes que leva asociadas, así como o listado de todas as sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello, cos correspondentes horarios e rutas.

Na actualidade, máis de 80.500 mozos menores de 21 anos xa viaxan de balde nos autobuses interurbanos da Xunta a través do emprego desta tarxeta.

Cómpre destacar que 2020 foi o ano de maior incremento no número de tarxetas expedidas desde a súa posta en marcha no 2016, emitíndose máis de 21.000 novos dispositivos. Desde a implantación desta medida, realizáronse máis de 8 millóns de viaxes gratuítas, cun investimento por parte da Xunta que se sitúa en preto dos 8 M€.

A área da Coruña alberga o maior número de dispositivos expedidos, contabilizándose case 23.480; seguida da de Vigo, con case 17.610 tarxetas distribuídas; e Santiago, con preto de 12.350. Na área de Ferrol, máis de 9.750 rapaces dispoñen desta tarxeta; na de Pontevedra, preto de 5.480; e na de Ourense, máis de 2.900.

A tarxeta permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade dun caixeiro.

Iniciativa social

A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos.

Posteriormente, ampliouse a cobertura ata os menores de 21 anos e desde xuño do ano pasado, o Executivo autonómico activou este incentivo na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

Esta iniciativa do Goberno galego, enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia, ten como obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria, ao tempo que se fomenta o uso do transporte público e a mobilidade máis sustentable entre os máis novos.

O uso desta tarxeta está a ter impacto nos petos das familias, pois por exemplo unha moza de Verín que estude na cidade de Ourense está a viaxar gratis todo o curso, fronte á situación anterior na que debía abonar un prezo por viaxe de 4,55 €, uns 200€ ao mes. Así, actualmente esa moza benefíciase dun aforro de case 1.800 euros nos 9 meses lectivos.
 

Imaxes relacionadas