Ethel Vázquez salienta que o novo itinerario peonil e ciclista que unirá Carballo e Coristanco estará á disposición dos veciños a finais de ano cun investimento da Xunta de máis de 1M€

Vázquez Mourelle sinala que as obras, que comezaron a finais de abril, consisten na execución dunha senda de 2,5 km na estrada AC-552

Executarase un treito de senda de 1,9 km pola marxe esquerda, entre a saída de Carballo e Montecelo, xa en Coristanco, e pola dereita, un tramo de 600 metros ata a fábrica de Calvo

Tamén se construirá unha pequena pasarela para dar continuidade ao itinerario sobre o río Grande, adosada ao viaduto para minimizar as afeccións na contorna

Subliña que esta actuación culmina os itinerarios previstos inicialmente no Plan de sendas da comarca de Bergantiños, cun investimento autonómico de 5 M€

Carballo (A Coruña), 19 de maio de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que o novo itinerario peonil e ciclista que unirá Carballo e Coristanco estará á disposición dos veciños a finais deste ano, cun investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros.

Vázquez Mourelle, xunto cos alcaldes de Carballo e de Coristanco, Evencio Ferrero e Juan Carlos García, respectivamente, supervisou hoxe o avance dos traballos da nova senda que conectará estes dous municipios.

Sinalou que estas obras, que comezaron a finais de abril e teñen un prazo de 8 meses, consisten na execución dun itinerario de uso compartido, para peóns e para ciclistas non deportivos, na estrada AC-552. Para lograr unha convivencia máis harmónica entre todos os usuarios da estrada, proxéctase unha senda de 2,5 km que, desde a saída de Carballo, rematará onde se inician as beirarrúas de Coristanco.

Ethel Vázquez detallou que se executará un treito de senda, pola marxe esquerda, case 1,9 km desde a saída de Carballo ata a beirarrúa de Montecelo, xa en Coristanco, continuando ata o núcleo de Coristanco. Concretou que pola dereita, se habilitará un tramo de 600 metros que irá ata a fábrica de Calvo.

O itinerario contará cun ancho suficiente para garantir desprazamentos cómodos e seguros: 2,5 metros de ancho, sobreelevado sobre a estrada e separado da vía por bordos e unha franxa verde de ancho variable en función do espazo dispoñible.

Tamén se executará unha pequena pasarela para dar continuidade ao itinerario sobre o río Grande, adosada ao viaduto existente para minimizar as afeccións na contorna.

Ademais pavimentarase a senda e executaranse obras de drenaxe das augas pluviais e dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións, aínda que o Concello de Carballo xa levou a cabo unha obra de renovación dos servizos, previa á execución do itinerario.

Plan de sendas

Ethel Vázquez subliñou que esta actuación, cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020, supón un fito para a Xunta ao culminar os itinerarios proxectados inicialmente no Plan de sendas da comarca de Bergantiños, porque os outros 6 previstos nunha primeira fase están xa rematados.

Remarcou que este plan permite poñer á disposición dos veciños 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de 5 millóns de euros.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade comprometeuse a seguir traballando en novos proxectos para reforzar a seguridade das estradas, como o itinerario do Couto, en Ponteceso; os de Soesto e Serantes, en Laxe; ou a senda que dará continuidade á visitada hoxe e que chegará ao centro comercial de Coristanco.

Tamén se referiu á extensión a toda Galicia da tarxeta Xente Nova a partir do 21 de maio, polo que todas as liñas de autobús da Xunta serán gratis para os menores de 21 anos coa utilización deste dispositivo, beneficiando a todos os mozos da Costa da Morte. Destacou que os menores de 21 anos de Carballo xa viaxaban gratis á Coruña e agora poderán facelo en todos os autobuses, incluíndo os que os levan aos distintos municipios da comarca ou cara a Santiago, e o mesmo os mozos de Coristanco.
 

Imaxes relacionadas