A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta prevé investir 2,3 M€ na mellora da depuradora de Ponteareas no marco dun convenio de colaboración con Acuaes e o Concello que se prevé pechar este mes

Teresa Gutiérrez salienta que a Xunta investiu desde 2010 máis de 5 M€ na potabilizadora de Ponteareas, na mellora de saneamento de varias parroquias ou na senda no río Tea

Lembra que Augas de Galicia redactou o proxecto para o saneamento de Ribadetea, pero a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non autorizará as obras ata que se amplíe a depuradora

Destaca que aínda que o saneamento é unha competencia local, a Xunta puxo en servizo desde 2009 máis de 450 actuacións nesta materia en Galicia, cun investimento de 484 M€

Indica que o Plan Hidrolóxico 2021-2027 se atopa en consulta pública, sendo a Xunta a primeira administración competente en España en iniciar este proceso para o plan da súa demarcación
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

A Xunta prevé investir 2,3 millóns de euros na ampliación e mellora da depuradora de Ponteareas, no marco dun convenio de colaboración con Acuaes e o Concello que se prevé pechar este mes para avanzar na tramitación.

Así o manifestou esta tarde a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia.

Lembrou que a Xunta colaborará no financiamento desta actuación aínda que foi declarada de Interese Xeral do Estado a través da Lei 6/2018, de 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018.

A directora de Augas de Galicia explicou que esta intervención se enmarca nun convenio de colaboración polo que o organismo estatal Acuaes financiará o 50% da actuación e Augas de Galicia achegará unha cantidade fixa correspondente ao 20% do orzamento previsto.

Puxo en valor que a Xunta vén prestando o seu apoio técnico e financeiro ao Concello de Ponteareas, nas súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración, achegando desde o ano 2010 un investimento de máis de 5 millóns de euros á execución de diversas actuacións hidráulicas.

Salientou proxectos xa rematados neste municipio, como a estación de tratamento de auga potable, cun orzamento de 1,3 M€; a mellora do saneamento en parroquias como Areas, Arnoso e Xinzo; ou a senda fluvial pola marxe dereita do río Tea.

Ademais recordou que Augas de Galicia redactou o proxecto para o saneamento na parroquia de Ribadetea, pero a súa execución quedou postergada ao non autorizar a Confederación Hidrográfica as obras sen executar antes a ampliación da depuradora.

Plan de Saneamento e Plan Hidrolóxico


Por outra parte, a directora reiterou que o saneamento e a depuración son competencias municipais, aínda que a Xunta veña mantendo unha importante colaboración cos concellos para avanzar neste eido.

Indicou que o Goberno galego segue destinando recursos para avanzar na dotación de infraestruturas hidráulicas e na súa xestión, pero precisou que cómpre a implicación dos concellos, que son coñecedores dos seus sistemas e responsables do seu mantemento.

Neste sentido, salientou que a Xunta puxo en servizo desde o ano 2009 máis de 450 actuacións de saneamento na comunidade, cun investimento de 484 millóns de euros.

Subliñou que o Goberno autonómico ten actualmente en execución 14 actuacións de saneamento que suman un importe de 64 millóns de euros e avanza no impulso doutras obras de saneamento das rías por valor de máis de 100 millóns de euros.

Precisou que Augas de Galicia xa ten adxudicada a redacción dun novo Plan de saneamento para os vindeiros anos, que comezará nas próximas semanas.

Tamén destacou que a Xunta está traballando actualmente na fase final para aprobar o novo Plan Hidrolóxico 2021-2027, que marcará as actuacións e os obxectivos para os próximos 6 anos.

Detallou que o borrador do Plan Hidrolóxico para o novo ciclo se atopa en consulta pública desde o pasado 30 de abril, sendo a Xunta a primeira administración competente de España en iniciar este procedemento para o plan da súa demarcación.