Adianta que mañá se iniciará o proceso de información pública dun novo treito da vía de altas prestacións da Costa Norte, entre San Sadurniño e Sanguiñeira

Ethel Vázquez salienta o investimento da xunta de 4,7 M€ nas obras de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira, que estarán rematadas a mediados do vindeiro ano

Vázquez Mourelle explica que a actuación, que consiste na rectificación de curvas, habilitación de novos carrís de adiantamento e reforzo do firme nun treito de 4 quilómetros, suporá un aforro do tempo de ata un 30%

Subliña que con esta actuación a Xunta cumpre o compromiso adquirido e avanza na materialización das actuacións programadas para a mellora da rede viaria das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, cun investimento global previsto de 60 M€

Lembra que a mellora da AC-862, cunha 1ª fase en execución en San Sadurniño, e co proxecto da 2ª fase Ponte Mera-Ortigueira que se someterá a información pública no verán, permitirá incrementar nun 149% a lonxitude dos carrís de adiantamento

Destaca que a extensión da tarxeta Xente Nova a toda Galicia desde este venres suporá novas vantaxes para os menores de 21 anos que xa viaxan gratis entre Ferrol e Valdoviño, e que desde o día 21 viaxarán de balde por toda a Comunidade

Valdoviño (A Coruña), 18 de maio de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento da Xunta de 4,7 millóns de euros nas obras de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira, que estarán rematadas a mediados do vindeiro ano.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade supervisou o avance dos traballos de acondicionamento da estrada autonómica AC-566, ao longo de case 4 quilómetros, desde a saída de Valdoviño ata A Ramalleira. Unha estrada que, segundo sinalou, é moi transitada, especialmente nos meses de verán pola riqueza natural e o atractivo turístico da zona, rexistrando unha media de 5.000 vehículos ao día.

Segundo explicou Ethel Vázquez, os traballos que se están a levar a cabo consisten na rectificación de curvas, habilitación de novos carrís de adiantamento e reforzo do firme nun treito de 4 quilómetros da estrada AC-566. Cando estean finalizados, a mediados do vindeiro ano, os usuarios da estrada non só verán reforzada a seguridade viaria senón tamén o tempo de percorrido, que se verá reducido en ata un 30%.

As obras estanse a centrar, neste momento, no movemento de terras, que fai precisas pequenas voaduras que se prolongarán aínda un mes, polo que a conselleira aproveitou para agradecer a comprensión dos usuarios polas molestias que lles poidan ocasionar os peches puntuais ao tráfico.

Ethel Vázquez subliñou que con esta actuación a Xunta cumpre o compromiso asumido cos municipios de Valdoviño e de Cedeira, ademais de avanzar na materialización das actuacións programadas para a mellora da rede viaria das comarcas de Ferrolterral, Eume e Ortegal, cun investimento global previsto de 60 M€.

Lembrou que xa se levaron a cabo as obras de mellora da estrada do Porto de Bares, en Mañón, e que pronto se iniciará o acondicionamento da AC-110, nas Somozas.

Ao tempo, a Xunta está a executar a 1ª fase da mellora da capacidade e da seguridade da AC-862, na zona de San Sadurniño, na que está a investir 7,2 M€. A titular de Infraestruturas destacou, ademais, que xa se está a ultimar o proxecto correspondente á 2ª fase, entre Ponte Mera e Ortigueira, para poder sometelo a información pública no verán, cun investimento de 6 M€. Segundo explicou Ethel Vázquez, estas actuacións suporán unha mellora substancial nas condicións de circulación da AC-862, incrementando nun 149% a lonxitude dos carrís de adiantamento.

Avanzou, ademais, que mañá mesmo, o Diario Oficial de Galicia publicará o inicio do proceso de información pública dun novo treito da vía de altas prestacións da Costa Norte, entre San Sadurniño e Sanguiñeira. Trátase dun treito de 7 quilómetros que contará cun orzamento próximo aos 40 M€ e para o que se agarda contar co proxecto construtivo o vindeiro ano.

Ethel Vázquez referiuse, ademais, á mellora do transporte público que supuxo a renovación de autobús interurbano de Galicia, ampliando a súa cobertura, con novas paradas e frecuencias.

Nesta liña avanzou un novo paso, coa extensión da tarxeta Xente Nova a todas as liñas, para que os menores de 21 anos, que xa viaxan gratis entre Ferrol e Valdoviño, poidan viaxar gratis en todos os autobuses, incluídos os que os levan a estudar á Coruña ou a Santiago. Asegurou que a partir deste venres, día 21 de maio, todas as liñas de autobús da Xunta serán gratis para os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova.

Imaxes relacionadas