A Xunta acomete labores de acondicionamento e conservación nas franxas de protección das sendas peonís da Ponte da Illa de Arousa

O delegado territorial, Luis López, supervisa os traballos, que se desenvolverán ao longo dos 1.980 metros de lonxitude desta infraestrutura de paso da PO-307

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende a petición cursada dende o concello arousán “para mellorar a imaxe e o estado dun punto moi empregado polos veciños e turistas”, segundo explicou o representante autonómico

A Illa de Arousa, 18 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a acometer, na xornada de hoxe, diversos labores de acondicionamento e conservación nas franxas de protección das sendas peonís emprazadas en ambas marxes da ponte da Illa de Arousa, pertencentes á estrada autonómica PO-307.

Con motivo destes traballos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde arousán, Carlos Iglesias, achegouse ata esta infraestrutura de paso para supervisar estas tarefas, que consistirán na eliminación de malas herbas e certa maleza que había na zona de separación entre a calzada e as beirarrúas, coincidindo co emprazamento dos captafaros de balizamento.

A actuación desenvolverase de xeito integral ao longo dos 1.980 metros de lonxitude desta infraestrutura viaria e está previsto que quede rematada ao longo do día de hoxe. Os traballos están a ser realizados por persoal e maquinaria do equipo de conservación de estradas autonómicas correspondente coa zona de Pontevedra Norte.

Segundo explicou Luis López, estes traballos atenden unha petición cursada a semana pasada polo Concello da Illa de Arousa, formulada a través do seu alcalde, e “responden ao interese da Xunta de actuar do xeito máis áxil posible ante as solicitudes propostas polas administracións locais no marco da colaboración institucional que temos en Galicia e do compromiso absoluto que despregamos cos concellos”.

Con este acondicionamento, o delegado territorial agarda que a ponte “quede en óptimas condicións e mellore a súa imaxe e estado, xa que se trata dun punto de paso moi emblemático e que é moi empregado por veciños e turistas, que agardamos que comecen a chegar en maior número, para favorecer a reactivación económica, a medida que superamos a crise sanitaria a través da vacinación”.

Imaxes relacionadas