A Xunta reforza a súa colaboración internacional cunha intervención para garantir a atención sociosanitaria da poboación desprazada en Mozambique

O Goberno galego destina 7.600 euros a esta actuación que permitirá atender a persoas desprazadas pola violencia en Cabo Delgado acollidas no campamento de Malica

A axuda tramitarase en colaboración coa organización non gobernamental Farmamundi, coa que a Xunta colabora desde o ano 2009 e que supuxo nos últimos anos un investimento de case 700.000 euros en actuacións de carácter humanitario

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2021

A Xunta reforza a súa cooperación internacional polo desenvolvemento cunha intervención para garantir a atención sociosanitaria das persoas desprazadas pola violencia en Cabo Delgado, en Mozambique, a través da organización non gobernamental Farmamundi.

O ataque de grupos armados non estatais á localidade de Palma o pasado 24 de marzo derivou en enfrontamentos coas forzas gobernamentais e aliadas e provocaron a fuxida de miles de persoas, moitas delas desprazadas internas que xa fuxiran da violencia doutras partes de Cabo Delgado. Por iso, a actuación se centra en dotar de servizos básicos a estas persoas que chegan sen ningún tipo de recursos no marco dunha situación agravada pola crise sanitaria da covid-19.

Ante esta situación, a organización Farmamundi, coa que a Xunta asinou 12 convenios anuais de resposta ante emerxencias, pediu a colaboración da Xunta de Galicia, que investirá 7.600 euros para atender a poboación desprazada desde Cabo Delgado que chegaban á provincia de Niassa e que foi acollida no campamento de Malica. Desta intervención poderán beneficiarse 288 persoas, na súa maioría mulleres e menores.

Farmamundi é unha organización de cooperación ao desenvolvemento, acción humanitaria e emerxencia especializada no subministro e axuda farmacéutica a organizacións humanitarias e países en desenvolvemento coa que Galicia colabora desde o ano 2009. A achega que Farmamundi distribuirá en Mozambique coa axuda da organización local United Purpose vaise executar ao abeiro do último convenio, asinado no 2021 por un importe de 50.000 euros.
Os convenios asinados nos últimos once anos permitiron destinar desde Galicia case 700.000 euros ás intervencións humanitarias de carácter internacional que desenvolve Farmamundi.