A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe, por videoconferencia, na reunión da Conferencia Nacional de Transportes
A Xunta traslada ao Ministerio de Transportes a súa "fonda preocupación" pola falta de atención á mobilidade do rural no reparto de fondos europeos do plan de recuperación
Vázquez Mourelle sinala que o Ministerio se reserva o 78% do orzamento na distribución dos 13.000 M€ e deixa menos do 9% ás autonomías e o 13% aos concellos
Lamenta que a estratexia estatal se centre na mobilidade sostible nas zonas periurbanas e ignore as necesidades do rural, predominante en Galicia
Lembra que a Xunta presentou 10 programas ou conxuntos de proxectos para investir 400M€ no fomento da mobilidade sostible, con 2.300 empregos asociados
A Xunta vén reivindicando que o reparto de fondos debe atender á diversidade territorial e no caso de Galicia, á dispersión e ao envellecemento da poboación
A conselleira tamén traslada ao Ministerio o malestar que está a xerar o anuncio, sen diálogo previo e sen concreción, do pago por uso das estradas
Reitera a reposición dos servizos ferroviarios suspendidos en Galicia, pois xa non hai estado de alarma nin restricións de mobilidade, pero os trens non chegan
A Xunta traslada ao Ministerio de Transportes a súa “fonda preocupación” pola falta de atención ás necesidades de mobilidade do rural no reparto de fondos europeos do plan de recuperación.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe, por videoconferencia, na reunión da Conferencia Nacional de Transportes.
O Ministerio de Transportes é o responsable de xestionar os recursos destinados ao fomento da mobilidade sostible, uns 13.000 millóns de euros. Neste sentido, trasladara a vontade de materializar o plan de forma participada entre distintos niveis da administración, animando ás comunidades e aos concellos a presentar programas para acollerse aos fondos.
Vázquez Mourelle lembrou que a Xunta presentou en xaneiro 10 programas ou conxuntos de proxectos para investir 400 millóns de euros no fomento da mobilidade sostible, con 2.300 postos de traballo asociados.
Sinalou que o Goberno galego tamén puxo sobre a mesa que o reparto de fondos, para ser xusto, equitativo e eficaz, debía atender a diversidade territorial e, en concreto, as peculiaridades de Galicia, un territorio cunha gran dispersión e envellecemento poboacional.
Sen embargo, concretou que se está a coñecer que a distribución deses fondos está xa decidida e deixa pouca marxe de actuación ás comunidades, ao reservar a Administración xeral do Estado o 78% do orzamento e deixar menos dun 9% ás autonomías e un 13% aos municipios.
Lamentou que a estratexia se centre practicamente na transformación e no fomento do transporte público e na mobilidade sostible nos contornos periurbanos e ignore as necesidades das áreas rurais, predominantes en Galicia.
A conselleira reiterou a solidez dos proxectos galegos e manifestou a previsión de seguir a traballar para aproveitar ao máximo esta oportunidade de financiamento para consolidar a aposta pola mobilidade sostible e limpa.
Tamén trasladou ao Ministerio a confusión e o malestar que está a xerar o Goberno de España ao anunciar, sen diálogo previo e sen concreción, o pago por uso das estradas.
Ademais, Ethel Vázquez aproveitou este encontro para solicitar de novo a reposición dos servizos ferroviarios suspendidos en Galicia, xa que o estado de alarma está superado e non hai restricións de mobilidade, pero os trens seguen sen chegar.