O titular de Medio Rural, acompañado do director da Agacal, foi o encargado de clausurar a VI Semana Gastrocultural "Alimentarte" das Neves

José González pon en valor a xa aprobada Lei de recuperación da terra agraria e a futura Lei de calidade alimentaria para impulsar o sector primario da nosa comunidade

O conselleiro lembrou que a Lei de recuperación foi aprobada este martes no Parlamento galego, mentres a de calidade alimentaria estará lista en 2022

Destacando que Galicia é a autonomía con máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, salientou a aposta da Xunta por selos de calidade como o de artesanía alimentaria

En alusión ao lema deste ano do evento -“Unha mirada cara á sustentabilidade alimentaria”- amosou o seu compromiso pola promoción e pola orientación do sistema alimentario cara á sostibilidade, a innovación e a transición xusta

As Neves (Pontevedra), 14 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, foi o encargado de clausurar esta tarde a VI Semana Gastrocultural “Alimentarte” das Neves, promovida polo Centro de Formación Profesional e Promoción Rural EFA A Cancela. Alí, puxo de relevo que a nova Lei de calidade alimentaria estará lista no vindeiro ano 2022, co obxectivo global de impulsar a calidade dos produtos alimentarios que se elaboran ou comercializan na nosa comunidade. Nestes momentos, apuntou, vén de someterse á consulta pública previa a elaboración do anteproxecto para recoller achegas que enriquezan o texto lexislativo.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que esta norma busca reforzar o control para loitar contra as prácticas desleais, así como impulsar a calidade diferenciada mediante o apoio ás denominacións de orixe, ás indicacións xeográficas protexidas e a outras figuras de protección como o selo da artesanía alimentaria. Deste xeito, dixo, búscase alcanzar unha nova dimensión no mercado para os produtos galegos, máis competitiva e atractiva, adecuándonos ao marco definido pola estratexia “Da granxa á mesa” ao abeiro do Pacto Verde Europeo e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

En alusión ao lema deste ano do evento das Neves -“Unha mirada cara á sustentabilidade alimentaria”- José González engadiu que un dos compromisos máis tanxibles da Xunta resulta da promoción e da orientación do sistema alimentario cara á sostibilidade, cara á innovación e cara á transición xusta entre a cidadanía e os distintos axentes da cadea alimentaria. Principios fundamentais, sinalou, para superar os retos do futuro que determinan que se debe primar o consumo daqueles produtos e servizos cun impacto ambiental reducido.

Recuperación e prevención

Na clausura da xornada, o titular de Medio Rural tamén puxo de relevo os outros eixes básicos de actuación do seu departamento, os da recuperación e da prevención. Así, lembrou que este martes quedou aprobada no Parlamento galego a Lei de recuperación da terra agraria, que persegue poñer a disposición de todos os agricultores e gandeiros que o demanden terra produtiva, así como permitir que os novos emprendedores dispostos a investir no rural teñan onde e como facelo. Nesa liña, referiuse á norma como unha reforma lexislativa transversal e sen precedentes que aposta por recuperar áreas en desuso mediante actividade económica rendible. Todo isto, engadiu, comprometidos coa prevención e a anticipación aos lumes forestais.

Nesa dirección, o conselleiro concluíu poñendo en valor o Plan integral de prevención de incendios forestais 2021, que suporá un investimento de case 30 millóns de euros para actuar en 58.000 hectáreas de monte e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación, entre outros traballos.

Imaxes relacionadas