A mellora da estrada AC-556 entre Valdoviño e Cedeira fará necesarios cortes de tráfico puntuais os luns e os xoves a mediodía por mor da realización de voaduras

As voaduras efectuaranse ás 13 horas destes dous nun período dun mes e terán unha duración de 5 minutos, tras os cales se procederá á reapertura ao tráfico

A área obxecto destas actuacións sitúase entre os puntos quilométricos 16+000 e 16+500, na marxe dereita da estrada en sentido crecente cara a Cedeira

Estes traballo enmárcanse no acondicionamento da estrada AC-566, desde a saída de Valdoviño ata A Ramalleira, que contan cun investimento autonómico de 3,6 M€

A intervención recolle a redefinición do trazado, o reforzo do firme, a rectificación de curvas ou a mellora de interseccións na estrada
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

As obras de acondicionamento da estrada AC-566 entre Valdoviño e Cedeira farán necesarios cortes de tráfico puntuais os luns e os xoves por mor da realización de voaduras.

A Xunta está a executar os traballos de movemento de terras neste tramo, onde a presenza de rocha obriga a efectuar voaduras para poder avanzar nas obras. A área obxecto destas actuacións está situada entre os puntos quilométricos 16+000 e 16+500, na marxe dereita da estrada en sentido crecente cara a Cedeira.

As voaduras levaranse a cabo ás 13 horas dos luns e dos xoves ao longo dun período dun mes, polo que de xeito previo se procederá ao corte de tráfico no citado tramo, que estará debidamente sinalizado.

Esta intervención terá unha duración de cinco minutos aproximadamente, que é o tempo estimado entre a detonación e o final da revisión da calzada, previo á súa reapertura do tráfico.

Estas voaduras, que comezaron onte, están programadas para os citados días de cada semana durante o período dun mes, pero o ritmo de desescombro pode ocasionar algunha modificación nesta planificación.

Acondicionamento

Estas actuacións enmárcanse nos traballos de mellora e acondicionamento da estrada AC-566, desde a saída de Valdoviño ata A Ramalleira, que está a acometer a Xunta cun investimento de máis de 3,6 millóns de euros.

A intervención recolle a redefinición do trazado en 4 km da estrada que vai a Cedeira, ao seu paso por Valdoviño, dotándoa dun terceiro carril para vehículos lentos e coas mínimas afeccións ambientais na zona de protección de Rede Natura.

Tamén se reforzará o firme desta estrada e se procederá á rectificación de curvas, á mellora de interseccións ou cambios de sentido e ao aumento de sección, habilitando un carril adicional para favorecer os adiantamentos.