A Xunta oferta á mocidade 80 prazas gratuítas para estadías de fin de semana no albergue Lug II, na capital, con actividades lúdicas e culturais

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se enmarcan no programa Primavera Xove para ofrecer opcións de lecer e ocio seguras para a xuventude galega

Tamén se celebrarán feiras nos espazos xoves de Vilalba, Viveiro e Chantada
 

Lugo, 11 de maio de 2021

A Consellería de Política Social pon en marcha o programa Primavera Xove con diferentes propostas entre as que destacan estadías gratuítas de fin de semana nos albergues Lug II, en Lugo capital, e Gandarío, en Bergondo (A Coruña), con 80 prazas en cada caso.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as solicitudes poden presentarse na páxina web de Xuventude, onde tamén se poderá consultar a programación completa. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscricio´n.

As actividades comezarán esta mesma fin de semana e continuarán durante as tres seguintes, rematando o 6 de xuño. Poderán participar mozas e mozos de entre 14 e 17 anos e incluirá o aloxamento de venres e sábado, a manutención completa e unha variada listaxe de actividades lúdicas e culturais.

O programa Primavera Xove tamén inclúe feiras que se celebrarán os venres nos espazos xoves da Consellería de Política Social, entre eles os de Vilalba, Viveiro e Chantada. Estes encontros, nos que participarán os institutos de cada zona, terán un aforo limitado e contarán con obradoiros de cultura urbana e actuacións musicais.

A terceira proposta consiste en charlas formativas a cargo de poñentes recoñecidos en diferentes eidos que terán lugar en varios campus de Galicia os mércores do mes de maio -a partir de mañá, día 12-, dirixidas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.

O delegado apuntou que se trata de opcións de lecer e ocio seguras para a xuventude, que se desenvolverán respectando as medidas de prevención, seguridade e hixiene establecidas para facer fronte á covid-19. Ademais, engadiu, son unha oportunidade para fomentar a convivencia e coñecer outros espazos da xeografía galega.