A conselleira de Política Social presentou esta mañá o programa de actividades para os próximos meses no campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son

Fabiola García sinala que a campaña de verán ofrecerá un "lecer seguro" á mocidade galega tras os esforzos realizados no último ano

Contará con 7.820 prazas, mil máis que o ano pasado

Haberá 185 prazas destinadas a persoas con discapacidade de entre 11 e 41 anos e outras 60 a menores tutelados

O prazo de solicitude será de sete días hábiles e comezará o xoves 20 de maio, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Incorpóranse catro novas sedes de campamentos: Bande, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños e Silleda

Recupéranse os intercambios bilaterais con outras Comunidades Autónomas que se suspenderan o ano pasado por mor da pandemia

Súmanse 13 novos campos de voluntariado ata chegar a un total de 40

O lema da campaña será ‘O verán que mereces’ para agradecer o comportamento exemplar da mocidade galega durante os últimos meses de pandemia
 

Porto do Son (A Coruña), 11 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a campaña de verán ofrecerá un “lecer seguro” á mocidade galega tras os esforzos realizados no último ano. Así o manifestou durante a presentación do programa de actividades que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro e que porá á disposición da xuventude galega un total de 7.820 prazas, mil máis que o ano pasado. O prazo para pedir solicitude será de sete días hábiles e comezará o vindeiro xoves 20 de maio, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Fabiola García sinalou que, como cada edición, inclúense tamén prazas reservadas para persoas con discapacidade de entre 11 e 41 anos —un total de 185—, así como para rapaces tutelados —outras 60 prazas—. Dentro da oferta desta campaña figuran campamentos para nenas e nenos de 9 a 17 anos, intercambios con outras comunidades autónomas, campos de voluntariado para maiores de 18 anos e minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos.

Durante a presentación, realizada no campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son, a conselleira destacou tres novidades da campaña deste ano. Por un lado, incorpóranse catro novas instalacións de campamentos: Bande, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños e Silleda; recupérase o programa de intercambios bilaterais que se suspendera o ano pasado por mor da pandemia; e sumaranse 13 novos campos de voluntariado, ata chegar a un total de 40.


‘O verán que mereces’

O Goberno galego manterá este ano o protocolo específico fixado no ano pasado para os campamentos de verán. Fabiola García apuntou que Galicia apostou polos campamentos de verán cando ninguén o facía e logrouse realizar unha campaña sen ningún caso positivo. Por este motivo, continuarase a implantar medidas a redución do aforo, a incorporación escalonada das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénicos-sanitarias.

A conselleira puxo en valor os esforzos realizados pola xuventude galega durante este último ano. “Lonxe dos estereotipos que a perseguen, hai unha mocidade responsable, consciente e comprometida”, apuntou. Por todo iso, esta campaña de verán ten por lema ‘O verán que mereces’, como recompensa por todos os esforzos, bo comportamento e exemplo que demostraron durante este tempo.

Imaxes relacionadas