A conselleira de Infraestruturas, co delegado da Xunta en Pontevedra e coa directora do Intecmar, abordou as actuacións coa patroa maior da confraría e a xunta directiva

Ethel Vázquez informa aos mariscadores de Lourizán do próximo inicio das obras do emisario da ría de Pontevedra, cun investimento da Xunta de 12M€ e de xeito compatible coa actividade extractiva

Vázquez Mourelle explica que a obra consta dunha parte terrestre, de construción dunha cámara de carga e a estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km

Lembra que a Xunta atendeu as alegacións para alongar o treito en túnel e non afectar os bancos de marisqueo a pé dos Praceres, encarecendo en 2M€ o proxecto

Detalla que xa se está con traballos previos e que nas vindeiras semanas empezará o acopio do material e en xuño xa se verá a maquinaria a pleno rendemento

Destaca que o Goberno galego está a mobilizar 47 M€ para apoiar aos concellos de Pontevedra, Poio e Marín nas súas competencias de saneamento e depuración

Remarca que as obras da depuradora dos Praceres roldan o 40% de execución e mellorarán a calidade das augas da ría, cun investimento autonómico de 16,5 M€

Engade outras obras complementarias que a Xunta está a impulsar en puntos como o río Lameira de Marín, no Porto Campelo de Poio ou no bombeo de Cocheras

Pontevedra, 11 de maio de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou esta mañá aos mariscadores de Lourizán do inicio, nas vindeiras semanas, das obras do novo emisario submarino da ría de Pontevedra, cun investimento da Xunta de 12 millóns de euros e de xeito compatible coa actividade extractiva.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e coa directora do Intecmar, Covadonga Salgado, mantivo un encontro coa patroa maior da Confraría de Pescadores de Lourizán, María del Carmen Vázquez, e membros da xunta directiva da entidade, para abordar estas actuacións.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou a importancia de escoitar as suxestións e resolver as dúbidas dos mariscadores coa fin de acometer as obras da forma máis respectuosa coa actividade deste sector produtivo de Lourizán.

Explicou que esta intervención consistirá na execución dun novo emisario que separe os vertidos industriais dos residuais e que teña as dimensións axeitadas, tanto para as necesidades actuais como para as futuras.

Salientou que se trata dunha actuación esencial que, despois de preto de tres anos de trámites, conseguiu a autorización de Costas do Estado. Precisou que cómpre comezala canto antes, polo que xa están fabricándose nos talleres as grandes tubaxes.

Ethel Vázquez concretou que o proxecto consta de dúas partes diferenciadas, unha terrestre, de construción dunha cámara de carga e unha estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km de lonxitude.

Remarcou que esta obra de gran envergadura que ademais de beneficiar aos mariscadores da ría de Pontevedra cando estea rematada, quere ser executada da forma máis respectuosa e compatible coa súa actividade.

Neste sentido, lembrou que a Xunta, no proceso de información pública do proxecto, atendeu as alegacións da Confraría de Lourizán para alongar o treito en túnel e non afectar os bancos de marisqueo a pé dos Praceres, decisión que encareceu en 2 millóns de euros a intervención.

A conselleira detallou que xa se están a realizar traballos previos e que nas vindeiras semanas empezará o acopio do material e todas as tarefas iniciais e preparatorias do terreo e xa no mes de xuño se verá a maquinaria a pleno rendemento na execución das obras.

Puxo en valor que o Goberno galego está a mobilizar un total de 47 millóns de euros para apoiar aos concellos de Pontevedra, Poio e Marín nas súas competencias municipais de saneamento e depuración das augas residuais.

Nesta liña remarcou o avance das obras de mellora da depuradora dos Praceres, que está executada nun 40% e que cando estea funcionando vai supoñer unha mellora substancial da calidade das augas da ría, grazas a un investimento da Xunta de 16,5 millóns de euros.

Engadiu outras obras complementarias que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a impulsar en puntos como o río Lameira de Marín, no Porto Campelo de Poio ou no bombeo de Cocheras, no propio concello de Pontevedra.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que a Xunta, a través destes proxectos, traballa para contribuír a preservar a ría e garantir o futuro do turismo, da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

Imaxes relacionadas