A Xunta remata as obras de estabilización do muro do aparcadoiro do Hospital Materno Infantil da Coruña

A intervención supuxo un investimento autonómico de máis 48.000 euros

As actuacións permitiron a reconstrución do muro que sufriu desprendementos como consecuencia do mal estado dunha tubaxe e dos temporais de chuvia

Tamén se repuxo un tramo de beirarrúa deteriorada e colocouse unha varanda de protección de peóns
 

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de estabilización e mellora do muro do aparcadoiro do Hospital Materno Infantil da Coruña.

A intervención, cun investimento autonómico de máis 48.000 euros, centrouse na reconstrución do muro que sufriu desprendementos como consecuencia do mal estado dunha tubaxe que se atopaba na zona e dos temporais de chuvia do inverno.

As actuacións que se veñen de rematar permitiron reforzar a estabilidade desta infraestrutura coa fin de garantir a seguridade na contorna. Os traballos consistiron na execución do muro de coieira e reposición dos servizos afectados como o alumeado público, o abastecemento ou a xardinería.

Tamén se repuxo o tramo de beirarrúa afectado, mediante a nova instalación de bordo prefabricado de formigón e pavimento de baldosa hidráulica. Ademais, colocouse unha varanda de protección de peóns.

Cómpre lembrar que o departamento que dirixe Ethel Vázquez executou o ano pasado obras de mellora do firme no acceso aos aparcadoiros do Hospital Materno Infantil e puxo en servizo nesta contorna 23 prazas de aparcadoiro. Estas actuacións forman parte dun contrato para a mellora nos accesos dos hospitais públicos da provincia, como os de Santiago, Ferrol, Cee e O Barbanza, cun orzamento total de 1 millón.

A Xunta continúa traballando para favorecer a mobilidade na contorna dos centros hospitalarios, ofrecendo un acceso máis cómodo e segura, tanto para os pacientes como para o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións.
 

Imaxes relacionadas