Estas tarefas forman parte das intervencións que se veñen realizando nas estradas autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

A Xunta continúa a vindeira semana os traballos de roza e limpeza que están en marcha en distintas estradas das provincia de Ourense, de Pontevedra e da Coruña

Proseguirase coas tarefas de roza nas estradas ourensás OU-533 na Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e A Rúa, e na OU-636 na Pobra de Trives e Larouco

Continuarase tamén cos labores iniciados hai tres semanas en máis de 40 vías de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra

Seguirase coas limpezas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña na vía de alta capacidade VG.-1.2, en Ares e Mugardos

Estas intervencións potencian o efecto cortalumes das estradas, incrementan a seguridade viaria, cunha maior visibilidade, e fomentan unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2021

A Xunta ten previsto continuar a vindeira semana coas tarefas de roza e limpeza que están en marcha en distintas estradas das provincias de Ourense, de Pontevedra e da Coruña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, realiza estes traballos de acondicionamento das franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, proseguirán as tarefas de roza nas estradas da provincia de Ourense OU-533 na Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e A Rúa, e na OU-636 na Pobra de Trives e Larouco.

Ademais, continuarán os labores iniciados hai tres semanas en máis de 40 vías de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra.

Seguiran, ademais, as tarefas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña, na vía de alta capacidade VG.-1.2, que comunica a contorna do polígono de Vilar do Colo e Mugardos, ao seu paso polos municipio de Ares e Mugardos.

O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato coa empresa pública Seaga, que se veñen realizando ao longo do ano, céntranse, principalmente, na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas, reducindo progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas