A actuación enmárcase no convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Fundación RIA, para actuar en 5 ámbitos urbanos da vía no Barbanza

A Xunta recibe 12 ofertas para a redacción do proxecto construtivo para a recuperación da identidade urbana da estrada AC-305 na travesía de Palmeira, no Concello de Ribeira

Das ofertas presentadas, 2 están conformadas por UTE, o que supón un total de 14 empresas

O contrato, licitado por case 262.000 euros, inclúe a dirección das obras e conta cun prazo de execución de 21 meses

O obxectivo é dispoñer do proxecto construtivo na primavera do vindeiro ano, para licitar as obras a continuación, cun investimento autonómico de 2,2 M€

Actuarase ao longo de 1 km coa fin de garantir a seguridade viaria e de potenciar o carácter de vía lenta da travesía, priorizando a mobilidade peonil e actuando sobre o deseño integral da rúa

Esta intervención servirá de exemplo para replicar noutras zonas da estrada autonómica AC-305, co obxectivo de adaptala mellor ao seu carácter urbano

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2021

A Xunta recibiu 12 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da actuación destinada á recuperación da identidade urbana da estrada autonómica AC-305 na travesía de Palmeira, no concello de Ribeira.

Destas 12 ofertas presentadas, 2 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 14 empresas.

O contrato de redacción deste proxecto, licitado por case 262.000 euros, inclúe a dirección das obras das actuacións necesarias para humanizar a travesía de Palmeira. O prazo total de execución dos traballos é de 21 meses e o obxectivo da Xunta é dispor do proxecto construtivo redactado na primavera do vindeiro ano para, a continuación, licitar as obras.

Esta nova actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez, trata de recuperar o espazo público da estrada autonómica para os veciños de Palmeira, con actuacións que supoñan a mellora da mobilidade e da seguridade viaria, e que levarán aparellado un investimento da Xunta de arredor de 2,2 millóns de euros.

A intervención, que terá en conta a participación veciñal e do propio Concello de Ribeira, busca ofrecer un carácter máis humano e máis social á estrada a medida que pasa polo centro urbano de Palmeira. Trátase de adaptar a configuración da AC-305 á realidade actual deste núcleo de poboación, para conseguir unha vía completamente integrada no tecido urbano.
Actuarase ao longo de 1 km con distintas intervencións encamiñadas a garantir a seguridade de peóns e de condutores, a potenciar o carácter de vía lenta, priorizando a mobilidade peonil e actuando sobre o deseño integral da rúa.

No proxecto definirase a reordenación da sección transversal da estrada, reducindo o ancho de carril e dotando as marxes de franxas verdes e arborado, co obxectivo de gañar espazo para os peóns e de facer máis humana a vía. Tamén, de cara a reforzar a seguridade viaria, minorarase a velocidade a 30 km/hora.

Ademais, para priorizar a mobilidade a pé dos veciños, reducindo o protagonismo dos coches, disporanse plataformas únicas, habilitaranse aparcadoiros alternativos, ampliaranse as beirarrúas e dotarase a zona de mobiliario urbano, para uso e desfrute da xente.

O proxecto incidirá, tamén, no deseño integral da rúa, procurando a maior integración urbana e paisaxística de todos os elementos, o tendido eléctrico, o saneamento e outros servizos urbanos, os pavimentos, as ramplas e encontros de superficies.

Este conxunto de actuacións están a ser impulsadas desde a Xunta en colaboración coa Fundación RIA e teñen como obxectivo mudar por completo a imaxe da estrada autonómica AC-305 na travesía de Palmeira.

Así, a intervención en Palmeira será un exemplo que se replicará noutras zonas da estrada AC-305 en contornos urbanos para adaptar a vía á súa funcionalidade.

Esta actuación forma parte do convenio asinado en xaneiro pola Xunta e Fundación RIA, cun investimento de 212.000 €, para deseñar intervencións en 5 ámbitos urbanos desta estrada no Barbanza para lograr unha convivencia máis harmónica entre vehículos e peóns.