A Xunta oferta formación para mellorar a cualificación de cerca de 33.000 galegos desempregados ou ocupados

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, vén de participar nunha xornada informativa virtual na Confederación de Empresarios de Galicia acerca dos recursos formativos que ofrece a Xunta para mellorar a empregabilidade

A Administración autonómica destina 44,3 millóns de euros ata 2022 á formación de 16.600 persoas desempregadas

O Plan de Formación para o Emprego para persoas ocupadas, cun investimento de 5,5 millóns de euros en dous anos chegará a unhas 13.000 persoas

Outros 3.300 traballadores recibirán cualificación en novas tecnoloxías e aptitudes ou habilidades brandas para atopar traballo ou mellorar as súas condicións
 

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2021

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, vén de participar por videoconferencia desde Santiago de Compostela na comisión de relacións laborais, formación e emprego da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) onde repasou o catálogo de formación para o emprego que a Xunta ten deseñado ata 2022, con actividades que chegarán a cerca de 33.000 persoas desempregadas e ocupadas.

Lado destacou a aposta decidida da Xunta pola formación para o emprego, que ao seu criterio “debe seguir a ser unha das respostas inmediatas á crise económica e laboral, e o piar de base nas estratexias de recuperación e transformación produtiva postcovid”. A directora xeral puxo en valor “o esforzo e aprendizaxe” que supuxo a transformación, en tempo real, das accións formativas que requirían a presencialidade do alumnado e que recibiron os impactos da crise.

Entre outros recursos formativos, Zeltia Lado subliñou que a Xunta está a ofrecer este mesmo ano un amplo catálogo formativo integrado por accións dirixidas a persoas desempregadas mediante o Plan formativo para o emprego que ata 2022 está previsto que chegue a unhas 16.600 persoas dunha dotación de 44,3 millóns de euros.

A maiores, a Xunta ofrecerá este ano un total de 111 cursos de formación para o emprego nos centros educativos que imparten ensinos de Formación Profesional, cun orzamento de 4,6 millóns de euros.

No que se refire á formación para persoas ocupadas, Zeltia Lado subliñou a convocatoria do Plan de Formación para o Emprego, dotado con 5,5 millóns de euros para os anos 21 e 22. Rematada a primeira revisión da documentación das entidades admitidas “podemos dicir, que as persoas traballadoras ocupadas destinatarias das mesmas se acercan ás 13.000”, especificou Lado. Nesta formación darase preferencia a persoas traballadoras ocupadas, incluíndo as que resulten afectadas por ERTE ou ERE, por causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior.

Zeltia Lado lembrou outro conxunto de accións formativas que se dirixen a que outras 3.300 persoas melloren as súas condicións de empregabilidade a través da adquisición dos coñecementos en novas tecnoloxías e aptitudes ou habilidades brandas.

“Estas actuacións son as que xa están en marcha ou a piques de desenvolverse, e que, xunto a outras como as de orientación laboral, as correspondentes aos certificados de profesionalidade, os propios obradoiros e programas integrados de emprego, e as actividades no Centro de Novas Tecnoloxías; conforman a oferta formativa que dende a Xunta de Galicia ofrecemos para conseguir a mellora da ocupación das persoas que máis o necesitan”, concluíu a directora xeral.

 

Imaxes relacionadas