A Xunta pon en marcha a Estratexia galega de enfermidades raras que reducirá os prazos de diagnóstico e permitirá unha xestión máis eficaz e coordinada

Destaca que suporá unha mellora importante dos pacientes afectados por estas doenzas, que contarán cun novo modelo de atención que mellorará os tempos de diagnóstico e potenciará a súa detección precoz

Explica que para acadar todos este obxectivos a iniciativa contará con 7 eixos básicos
 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación da Estratexia galega en enfermidades raras que reducirá os prazos de diagnóstico e permitirá unha xestión máis eficaz e coordinada.

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que esta iniciativa suporá unha mellora importante dos pacientes afectados por estas doenzas, que contarán cun novo modelo de atención que mellorará os tempos de diagnóstico e potenciará a súa detección precoz.

Así mesmo, a estratexia facilitará o emprego de ferramentas tecnolóxicas que acheguen axilidade aos trámites; definirá un itinerario formativo e garantirá a equidade no acceso a medicamentos orfos. Ademais de promover a participación en grupos de investigación nacionais e internacionais, e impulsar a coordinación sociosanitaria e a participación.

Para acadar todos este obxectivos, o titular da Xunta subliñou que esta iniciativa contará con 7 eixos básicos: o desenvolvemento do Rexistro Galego de Enfermidades Raras (RERGA); o reforzo da prevención primaria e secundaria; a mellora no acceso a terapias farmacolóxicas e non farmacolóxicas; o impulso na coordinación sociosanitaria e participación das asociacións de enfermidades raras; o fomento da formación e divulgación entre profesionais, pacientes e cidadanía; a promoción da investigación e da obtención de resultados en saúde; e a normalización da asistencia sanitaria.

Sobre este último punto, precisou que se establecen unha serie de recursos asistencias: como a creación da Comisión galega de enfermidades raras, a posta en marcha de unidades funcionais multidisciplinares ou a creación de comités clínicos das enfermidades raras con carácter intrahospitalario, así como a creación dun circuíto de derivación desde a atención primaria e hospitalaria.
 

Imaxes relacionadas