O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que os concesionarios de transporte regular de viaxeiros prestarán todos os tráficos recollidos nos contratos

A Xunta restablece desde o luns a totalidade dos servizos de transporte público de titularidade autonómica

A recuperación de servizos é acorde coa evolución sanitaria e atende ás necesidades de mobilidade, restablecendo as expedicións no 100% das liñas, que foron obxecto de adaptacións como consecuencia da covid-19

A reactivación dos servizos leva aparellado o mantemento das medidas e protocolos establecidos para garantir a seguridade do persoal e viaxeiros

O uso de máscara é obrigatorio e recoméndase efectuar o pagamento coa tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia ou medios similares para evitar contactos

Póñense á disposición dos usuarios dispensadores de xel hidroalcohólico en todos os vehículos e embarcacións, sendo obrigatorio o seu uso antes e despois de realizar o pagamento en metálico

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

A Xunta restablece desde o vindeiro luns, día 10 de maio, a totalidade dos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica na Comunidade en condicións de seguridade para usuarios e traballadores.

Trátase de impulsar a normalidade plena na prestación nos servizos de transporte público de titularidade da Xunta. A recuperación de servizos coincide coa conclusión, o 9 de maio, da prórroga do estado de alarma e cun proceso de mellora das condicións sanitarias derivadas da covid-19.

Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da Dirección Xeral de Mobilidade pola que os concesionarios de transporte regular de viaxeiros de uso xeral poderán prestar todos os tráficos dos contratos para atender as novas necesidades de mobilidade. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/qas5w

Transporte público seguro

Na reactivación do transporte público de competencia autonómica, a Xunta mantén as medidas para garantir, en todo momento, a seguridade de traballadores e viaxeiros e facilitar a atención ás necesidades de mobilidade, de acordo á evolución da situación sanitaria.

Estas medidas son de aplicación nos servizos de transporte público terrestre de titularidade da Xunta que se desenvolven integramente no territorio galego e nos de transporte marítimo que se levan a cabo entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma.

Así, a Xunta ten fixadas as medidas comúns de protección da saúde e hixiénico-sanitarias que deben adoptar as persoas viaxeiras e o persoal de condución ou acompañante, pero tamén especificacións para a limpeza dos vehículos e embarcacións e para as infraestruturas de transporte (estacións de autobuses e paradas), así como a disposición de elementos de sinalización recordatorios das prohibicións, obrigas e recomendacións en materia de hixiene.

Para acceder ao transporte público e mentres permanezan no seu interior, os viaxeiros teñen a obriga de usar máscara e seguir as recomendacións establecidas, como evitar comer.

Deben manter -na medida do posible- as distancias de seguridade durante o acceso e saída dos vehículos ou embarcacións e, se presentan síntomas ou consideran que teñen probabilidade de infección, deberán absterse de empregar os ditos servizos.

Ademais, recoméndase realizar o pago mediante a Tarxeta de Transporte Metropolitano, a tarxeta Xente Nova ou por medios tecnolóxicos similares para evitar contactos. En calquera caso, instalaranse dispensadores de xeles hidroalcohólicos en todos os vehículos e embarcacións, sendo obrigatorio o seu uso antes e despois de realizar o pagamento cando se realice en metálico.

En canto ao persoal de condución ou acompañante, están na obriga de usar máscara ademais de dispor dos equipos de protección determinados polos servizos de prevención de riscos laborais e respectar as medidas en materia de hixiene, saúde pública e seguridade no traballo. Ademais, deben informar e orientar de xeito adecuado aos viaxeiros.

En canto ás condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, isto é o transporte en autobús -de carácter interurbano, urbano, ou de uso especial- e o transporte marítimo, seguen vixentes as limitacións preventivas establecidas pola Consellería de Sanidade.

Así, nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos mesmos. En calquera caso, deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.

No caso dos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, establecéndose como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé.

Imaxes relacionadas