A Xunta avanza a bo ritmo nas obras de Valdriz e acometerá o ensanche da ponte a primeiros do mes que vén

O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe os traballos, que están a rematar coas voaduras controladas que suporán a escavación de máis de 15.000m3

O seguinte paso é o ensanche da ponte, o traballo máis complexo, que esixirá a instalación de 513 m2 de prelosas para ampliar o ancho de 6 a 10 metros
 

Lugo, 07 de maio de 2021

As obras na ponte de Valdriz e a construción dunha glorieta na LU-621, en Láncara, seguen a bo ritmo, polo que está previsto comezar co ensanche da ponte a primeiros do mes que vén. Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que hoxe acudiu á zona para comprobar a marcha dos traballos, que se prevé estean rematados a finais de agosto.

Actualmente, a empresa responsable da obra, Ovisa, está a rematar coas microvoaduras, que ten que controlar con sismógrafos para non prexudicar á liña eléctrica. Ademais, tamén se tivo que construír un muro escollera na ponte. Todos estes traballos suporán a escavación de máis de 15.000 metros cúbicos ou o emprego de máis de 1.000 toneladas de mestura asfáltica, o que dá unha idea da envergadura desta actuación, executada pola Axencia Galega de Infraestruturas, cun orzamento de 599.845 euros con cargo á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

En canto á ponte, o ensanche levarase a cabo nun treito de 500 metros e precisará da substitución de parte da terra da bóveda por cemento, así como a instalación de 513 metros cadrados de prelosa, armadura, ferro e formigón para ampliar o ancho dos 6 metros actuais ata os 10.

Javier Arias sinalou que esta é precisamente a obra máis complexa de executar dunha actuación global que contempla tamén a creación dunha rotonda que xestionará toda a circulación da LU-621 con Valdriz, o que a longo prazo suporá unha maior seguridade para o tráfico rodado nun cruzamento bastante perigoso.

Tamén co obxectivo de aumentar a seguridade, procederase a unha pequena rectificación do trazado para que a entrada á ponte sexa máis segura. Igualmente, este proxecto prevé a creación dunha senda peonil desde o último tramo de beirarrúas da Pobra de San Xillao ata a nova rotonda de acceso a Valdriz que se vai a construír.
 

Imaxes relacionadas