As obras de integración paisaxística do Camiño Francés en Santiago obrigan este sábado ao corte do carril ascendente da avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri

Mañá estenderase o aglomerado no carril ascendente de Rodríguez de Viguri, o que obrigará a habilitar itinerarios alternativos de subida para o tráfico nesa zona

Os vehículos que circulen en sentido ascendente pola avenida de Lugo serán desviados na rotonda da Cruz Vermella para baixar polas rúas Londres e Lisboa

O tráfico non se verá afectado por Rodríguez de Viguri e na avenida de Lugo en sentido descendente

A entrada a Fonte de Concheiros quedará habilitada para o uso de residentes

A Xunta inviste máis de 3 M€ nesta intervención que ten por obxectivo facer do nó dos Concheiros unha zona na que o Camiño sexa máis identificable para o peregrino, ademais de reforzar a seguridade e mellorar os tráficos pensando nos veciños

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021.- O avance nas obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés á súa entrada en Compostela na zona do nó dos Concheiros fan preciso, este sábado, un corte do carril ascendente da avenida de Lugo e de Rodríguez de Viguri.

Mañá sábado está previsto estender o aglomerado do carril ascendente en Rodríguez de Viguri, o que obrigará a este corte, habilitándose itinerarios alternativos de subida para o tráfico nesa zona.

Así, os vehículos que circulen en sentido ascendente pola avenida de Lugo serán desviados na rotonda da Cruz Vermella para baixar pola rúa Londres e logo coller o cruce pola rúa Lisboa.

O tráfico en sentido descendente desde Rodríguez de Viguri e avenida de Lugo non se verá modificado. A entrada cara a Fonte dos Concheiros quedará habilitada para residentes.

A Xunta continúa a avanzar nos traballos de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés no ámbito da avenida de Lugo e do Cruce dos Concheiros, nos que está a investir máis de 3 millóns de euros.

O obxectivo da intervención é facer do nó dos Concheiros unha zona na que o Camiño sexa máis identificable para o peregrino, ademais de reforzar a seguridade viaria e mellorar os tráficos pensando no día a día dos veciños.

Trátase dunhas obras de remodelación complexas e de moita entidade, xa que abranguen tamén canalizacións, e unha das principais actuacións das previstas pola Xunta no marco da estratexia de mellora e integración paisaxística dos Camiños Francés, Inglés e Portugués á súa entrada en Compostela.

No seu conxunto, o proxecto integral de posta en valor das Rutas Xacobeas á súa entrada en Santiago supón un investimento do Goberno galego de 10,5 millóns de euros. As actuacións previstas pola Xunta estarán rematadas na súa totalidade neste verán.