A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez Santos, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego

A Xunta estuda o emprego da tecnoloxía para coñecer a evolución da dependencia dos usuarios das residencias en tempo real

Gómez Santos asegurou que a pandemia evidenciou a necesidade de dispoñer da información detallada dos residentes de xeito permanente e actualizado

Salientou que o número de inspectores dedicados a área de persoas maiores e persoas con discapacidade duplicouse desde 2008
 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

A Xunta está a analizar e estudar o emprego da tecnoloxía para coñecer a evolución das capacidades cognitivas dos residentes de centros de maiores e persoas con discapacidade durante o tempo que se prolongue a súa estancia. Así o adiantou esta mañá a secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez Santos, durante unha comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia.

Gómez Santos sinalou que este é precisamente un dos piares nos que se baseará o futuro modelo de residencias, no que está a traballar desde finais de 2020 o Comité Asesor Sociosanitario. E tamén unha das necesidades que evidenciou a pandemia, que puxo de manifesto a importancia de dispoñer desta e outra información sobre as persoas residentes en centros de servizos sociais de forma case continua e permanentemente actualizada, puntualizou.

Malia que hoxe o plan de atención individualizada que se debe facer de cada residente revísase como mínimo anualmente ou, en todo caso, ante calquera variación significativa da súa situación, o seguimento continuado permitiría detectar e avaliar o deterioro das funcións cognitivas que sofren as persoas durante o proceso de envellecemento practicamente en tempo real, apuntou.

A secretaria xeral técnica lembrou, así mesmo, que a Consellería de Política Social xa estaba a traballar na mellora dos criterios de valoración da dependencia pensando nas persoas con deterioro cognitivo antes da crise sanitaria da covid-19. A irrupción desta no escenario internacional obrigou, non obstante, a revisar a formulación inicial para adaptalo á nova realidade dos centros.


Incremento dos recursos de inspección

María Francisca Gómez tamén abordou a situación dos servizos de inspección, que duplicaron o seu número efectivos nos últimos 13 anos, o que levou consigo un incremento de recursos materiais, como vehículos ou dispositivos móbiles. Este aumento de medios permite hoxe garantir a inspección de 233 centros residenciais para persoas maiores e dependentes no ano 2021, tal como figura no Plan de inspección de servizos sociais de Galicia.

Ademais, estase a organizar, en colaboración coa EGAP, o curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais. Esta formación, de 120 horas, ten por finalidade capacitar o persoal que opta a postos de inspección de servizos sociais ou que presta apoio á inspección de servizos sociais nos coñecementos específicos dos diferentes ámbitos de actuación e nas habilidades necesarias para o correcto desenvolvemento destas funcións. A Consellería de Política Social, rematou Gómez Santos, continúa, así, intentando optimizar e mellorar os recursos da inspección de servizos sociais.

Imaxes relacionadas