A Xunta recibe 13 ofertas para executar as obras de reforzo do abastecemento de auga en varios núcleos do municipio de Valga, que suporá un investimento de máis de 183.000 euros

Trátase da ampliación da rede de abastecemento para o núcleo de Raxoi e da execución do encontro de trazados da rede de San Miguel

A intervención tamén recolle a substitución da rede de abastecemento nos núcleos de A Torre-O Coto, Castiñeiras, A Devesa, Vilarello e A Torre-Mina Mercedes

Augas de Galicia achegará o 80% do investimento, case 147.000 euros, e o Concello contribuirá co 20% restante, preto de 37.000 euros

As intervencións dan continuidade ás realizadas entre 2016 e 2017, que dotaron de subministro aos Martores, As Laceiras e Os Vilares e ampliaron a ETAP de Valga

As obras enmárcanse nas actuacións executadas pola Xunta nos últimos anos para poñer en funcionamento o sistema de abastecemento de Valga, que supoñen un investimento global de 8,6 M€

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021

A Xunta vén de recibir un total de 13 ofertas para executar as obras de reforzo da rede de abastecemento de auga potable en varios núcleos do municipio de Valga, cun investimento de máis de 183.000 euros.

As obras previstas levaranse a cabo nas parroquias de Valga, Campaña e Cordeiro. De xeito máis concreto, os traballos consistirán na ampliación da rede de abastecemento para o núcleo de Raxoi ou na execución do encontro de trazados da rede de San Miguel.

A intervención tamén recolle a substitución da rede de abastecemento nos núcleos de A Torre-O Coto, Castiñeiras, A Devesa, Vilarello e A Torre-Mina Mercedes.

Este contrato enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Valga; autorizado o pasado día 25 de febreiro polo Consello da Xunta.

Mediante esta colaboración, Augas de Galicia cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de case 147.000 euros. O Concello de Valga contribuirá ao financiamento do 20% restante, co investimento de preto de 37.000 euros.

Os traballos, cun prazo de execución de dous meses, serán financiados no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á Covid-19.

Estas obras enmárcanse nas distintas actuacións que vén executando a Xunta nos últimos anos para poñer en funcionamento o sistema de abastecemento de Valga, que supoñen un investimento global de 8,6 millóns de euros.

Neste sentido, as intervencións do citado acordo danlle continuidade ás ultimas obras acometidas por Augas de Galicia entre 20216 e 2017, que consistiron na execución das conducións, estruturas e instalacións necesarias para dotar de subministro aos lugares dos Martores, As Laceiras e Os Vilares.

Tamén se efectuou o reforzo do abastecemento en Raxoi e nos núcleos de Cedelo, Cimadevila e Fontelo; a ampliación da ETAP de Valga dos 10 aos 15 l/s e a mellora da captación do río Valga, depósito de Albor e rede en alta existente.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente.