A Xunta intensifica a súa colaboración no exterior cos países en vías de desenvolvemento máis afectados pola pandemia

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participaron nun encontro en liña con representantes de organizacións non gubernamentais para o desenvolvemento de países do sur

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participaron hoxe nun encontro con organizacións non gubernamentais para o desenvolvemento para coñecer de primeira man as novas necesidades dos países do sur cos que colabora a Xunta como consecuencia da crise sanitaria da Covid-19.

As organizacións que participaron na reunión son contrapartes locais de varias ONGD galegas coas que a Xunta vén colaborando dende hai anos no financiamento de proxectos de cooperación para o desenvolvemento e traballan cos colectivos máis vulnerables. Estas entidades deron a coñecer o labor que están a facer e como está a afectar a pandemia aos proxectos nos que colabora a Xunta, así como as súas demandas.

No encontro participou tamén a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e por parte da Coordinadora Galega de ONGD, asistiron o seu presidente e representante da Asemblea de Cooperación pola Paz, Alejandro Quiñoá, e a súa vicepresidenta e representante de Médicos do Mundo, Gema Filgueira, mentres que dos países do sur interviron representantes de organizacións de Guatemala, Perú, República Dominicana e Mozambique.

A propagación da covid-19 por todo o mundo obrigou a adaptar a cooperación internacional á nova realidade na que se atopaban os países cos que coopera a Xunta a través das ONGD.

O Goberno galego, por unha banda, incorporou, na recentemente aprobada Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, medidas que renovan o marco de financiamento e control de axudas e subvencións no ámbito da cooperación no exterior, para aportar a necesaria flexibilidade na súa xestión, pero con garantías de calidade, eficacia e eficiencia.

Por outra banda, elaborou unha estratexia de resposta á covid-19 que permitiu a adaptación dos instrumentos de financiamento ao novo contexto. Esta estratexia, que foi aprobada por unanimidade no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, toma como referencia o marco de resposta das Nacións Unidas perante a covid-19, así como as decisións adoptadas pola Unión Europea e a acción conxunta da cooperación española ante a pandemia, e establece prioridades xeográficas entre os países socios da colaboración galega, así como colectivos prioritarios de atención, especialmente a infancia e as mulleres.

Polo que respecta ao financiamento, a estratexia galega leva asociado un marco orzamentario de 7,4 millóns de euros correspondentes ao programa específico de cooperación exterior e ao desenvolvemento dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Imaxes relacionadas