Estas tarefas forman parte das intervencións que se veñen realizando nas estradas autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

A Xunta retoma a vindeira semana as tarefas de limpeza nas vías de altas prestacións na zona de Tomiño e Guarda e de Cambados e Vilagarcía

Continuarase tamén cos labores iniciados hai dúas semana en máis de 40 vías de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra

Seguirase coas tarefas de roza na estrada ourensá OU-533 na Gudiña e A Rúa, e na OU-636 na Pobra de Trives e Larouco

Proseguirase coas limpezas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña na vía de alta capacidade VG.-1.2, en Ares e Mugardos

Estas intervencións potencian o efecto cortalumes das estradas, incrementan a seguridade viaria, cunha maior visibilidade, e fomentan unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2021

A Xunta ten previsto retomar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas vías de altas prestacións C.G.-4.2, nos municipios de Tomiño e da Guarda, e V.G.-4.3, en Cambados e Vilagarcía. Ademais, continuará coas tarefas que están en marcha noutras vías da provincia de Pontevedra, así como nas de Ourense e da Coruña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, seguirán as actuacións iniciadas hai dúas semanas en máis de 40 estradas de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra.

Tamén continuarán as tarefas na provincia de Ourense, cos traballos de roza na OU-533, na Gudiña e na Rúa, e na estrada OU-636 na Pobra de Trives e Larouco.

Proseguiran, ademais, as tarefas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña, na vía de alta capacidade VG.-1.2, que comunica a contorna do polígono de Vilar do Colo e Mugardos, ao seu paso polos municipio de Ares e Mugardos.

O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato coa empresa pública Seaga, que se veñen realizando ao longo do ano, céntranse, principalmente, na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas, reducindo progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas