A Xunta licita a redacción dos proxectos de tres actuacións para reducir o risco de inundacións no río Anllóns ao seu paso por Carballo, que suporán un investimento global de 3 M€

As empresas poderán presentar ata o 31 de maio as ofertas para acometer este contrato, licitado hoxe por máis de 143.000 euros

O contrato engloba a redacción dos proxectos para a remodelación da ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol, para as actuacións previstas na ponte de San Martiño e para a remodelación da ponte na rúa Fomento

A Xunta xa avanzou nos contratos para a redacción dos outros proxectos, na canle de desaugadoiro na zona de Muíño do Quinto, e de remodelación integral do parque de San Martiño, que completan as actuacións previstas

A Xunta e o Concello asinaron un convenio para impulsar as obras prioritarias no plan de xestión específico da área de risco potencial de inundación do río Anllóns

Segundo o acordado, Augas de Galicia executará as obras e o Concello porá á disposición os terreos e encargarase do seu mantemento unha vez finalizadas
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe a redacción dos proxectos construtivos para impulsar tres das actuacións necesarias para reducir o risco de inundación no río Anllóns, ao seu paso polo concello de Carballo, medidas que suporán un investimento autonómico global de 3 millóns de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, cun investimento de máis de 143.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 31 de maio para presentar as súas ofertas.

Concretamente, o contrato licitado hoxe engloba a redacción do proxecto construtivo para a demolición de edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol e do proxecto para a remodelación da ponte da rúa Fomento, coa remodelación da canle e motas de contención augas abaixo da ponte. O contrato tamén inclúe a redacción do proxecto construtivo de demolición da ponte de San Martiño e da nova ponte da rúa Deza á rúa San Xoán Bautista, sen ben esta actuación non está recollida expresamente no marco das actuacións iniciais previstas pola Xunta.

Augas de Galicia xa avanzou nos contratos para a redacción dous outros dous proxectos, na canle de desaugadoiro, na zona de Muíño do Quinto, e de remodelación integral do parque de San Martiño, que completa as actuacións previstas de cara a minimizar o risco de inundacións no río Anllóns ao seu paso por Carballo.

Plan de xestión da área de risco de inundación do río Anllóns

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta autorizou en decembro a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Carballo para impulsar as obras identificadas como prioritarias no plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación do río Anllóns.

Segundo ese acordo, a Xunta asume integramente o investimento destas actuacións, contando co cofinanciamento dos Fondos Feder 2014/2020. Augas de Galicia levará a cabo a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións e a execución das obras.

Pola súa banda, o Concello porá á disposición os terreos necesarios para o inicio das obras e realizará as xestións para posibilitar a súa execución. Tamén recibirá as obras para o seu mantemento e conservación.

Augas de Galicia, no plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundación do río Anllóns, contemplou distintas opcións para realizar actuacións que contribúan a minimizar o risco de inundación.

As actuacións que se consideran máis prioritarias son a demolición da edificación, a remodelación da ponte e a creación dun leito de augas altas na rúa Sol. Tamén se inclúen a remodelación integral do parque San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas; e a reparación da ponte na rúa Fomento, coa mellora do leito e as motas de contención augas abaixo da ponte.

Ademais levarase a cabo a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo; e realizarase un bypass na zona de Muíño do Quinto.

O Goberno galego segue apostando pola colaboración entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.