A Xunta somete a consulta pública o Plan de xestión do risco de inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa para o ciclo 2021- 2027

O plan recolle medidas para minimizar o risco de inundación por importe de máis de 100 M€, incorporando actuacións para desenvolver polas distintas administracións

O documento abrangue 74 actuacións específicas a acometer na Demarcación Hidrográfica Galicia- Costa

Establece como zonas cun grado significativo de influencia do cambio climático as subcuncas dos ríos Ulla, Tambre, Mandeo, Eume, Lérez, Verdugo, Anllóns e a ría de Arousa

As medidas deseñadas diríxense á prevención, á protección durante o episodio de inundación e á recuperación para paliar os efectos e acadar a normalidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do inicio do período de participación, polo que as persoas e institucións interesadas poderán presentar achegas ata o 30 de xullo

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o inicio do período de consulta pública do proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o ciclo 2021-2027.

Este procedemento desenvolverase durante os próximos 3 meses, polo que as persoas ou institucións interesadas poderán presentar achegas ata o vindeiro 30 de xullo. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: http://xurl.es/x7cxm

O plan débese actualizar cada 6 anos, polo que é preciso contar con este documento renovado para o período comprendido entre os anos 2021 e 2027.

O novo plan establece que as zonas cun grao significativo de influencia do cambio climático -tendo en conta a afección do cambio climático á compoñente meteorolóxica e aos usos do chan-, se corresponden ás ‘subcuncas’ dos ríos Ulla, Tambre, Mandeo, Eume, Lérez, Verdugo, Anllóns e a ría de Arousa.

O obxectivo do plan é minimizar o risco de inundación na demarcación hidrográfica Galicia Costa, centrándose especialmente nas áreas de risco potencial significativo de inundación.

Para isto, o plan inclúe un programa de medidas que ascende a 100,89 millóns de euros para desenvolver no período 2022-2027, incorporando actuacións de diversa tipoloxía que deben implementar as distintas administracións con competencia na materia.

Dese orzamento global, Augas de Galicia prevé promover medidas por un importe de que supera os 47 millóns de euros.

No marco dese investimento total recóllense 52 medidas diferentes que inclúen 74 actuacións específicas na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, supoñendo un incremento do investimento respecto do plan do ciclo anterior, no que o importe ascendía a 67,86 millóns de euros.

Prevención, protección e recuperación

O documento recolle diversas medidas de prevención, protección e recuperación para mitigar o impacto dos asolagamentos.

As accións de prevención son aquelas que versan sobre a mellora do coñecemento e do comportamento dos ríos, os estudos sobre cambio climático, a optimización da predición meteorolóxica ou o reforzo dos sistemas de aviso hidrolóxico, entre outras.

Na Demarcación Galicia-Costa, cabe destacar a implantación dun sistema de alerta temperá, a ampliación da rede oficial de aforos, o desenvolvemento do proxecto ‘Innovaugas’ ou os traballos de instalación da sinalización nas áreas de risco potencial significativo de inundacións.

As medidas de protección actúan mentres se está a producir o episodio, polo que se inclúen os encanamentos ou a adaptación de obras de drenaxe transversal. Cómpre destacar tamén as medidas de restauración fluvial, que minimizan o efecto dos asolagamentos, recuperando no posible as chairas fluviais dos ríos.

As medidas de recuperación son aquelas actuacións que entran en funcionamento tras un evento de inundación coa fin de volver á normalidade. A este respecto, destacan as obras de emerxencia a realizar polas distintas administracións ou as actuacións de Protección Civil, así como as medidas de promoción dos seguros fronte a inundacións, tanto sobre persoas e bens como de tipo agrario.