A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou nun foro organizado por EAPN

A Xunta sinala que a participación na era post-covid está a implicar unha maior utilización dos medios dixitais

Destaca a posta en marcha durante a pandemia dun cuestionario aberto á mocidade no que participaron un total de 600 persoas

Este formulario serviu para coñecer a afectación da covid-19 en aspectos sociais e económicos e aportar ideas de mellora para o futuro

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, sinalou que a participación na era post-covid está a implicar unha maior utilización dos medios dixitais. Así o manifestou no foro organizado pola entidade EAPN baixo o título ‘Nuevos Modelos de Participación en la era post-Covid19’.

A directora xeral detallou as medidas implantadas desde o Goberno galego para facer posible a participación da sociedade a través do debate e o intercambio de ideas. Así mesmo, puxo en valor os espazos xoves como centros de participación aberta á mocidade e o papel das asociacións e entidades do terceiro sector para favorecer, desde un eido organizado, esa participación.

Neste sentido, remarcou que a Xunta impulsou a finais do mes de abril un cuestionario aberto ás mozas e mozos galegos para coñecer a afectación da vida tanto social como económica da crise sanitaria provocada pola covid-19. Un formulario que supuxo a participación de 600 persoas e serviu para axudar a poñer en marcha novas medidas por parte do Goberno galego.

Cristina Pichel sinalou que tanto no ámbito público como no privado a participación durante a pandemia mudou de formato, pasando da participación presencial a outra máis dixital. Entre as ferramentas que se empregarán na participación da nova era post-covid, a directora xeral apuntou a unha modalidade híbrida entre o formato dixital en pequeno formato, como poden ser foros de debate con mecánicas de autocoñecemento, escoita activa e iniciativa; e o uso de mecanismos dixitais como poden ser as redes sociais.

Imaxes relacionadas