O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral de Desenvolvemento Rural presidiron a entrega de títulos a 436 propietarios que se viron beneficiados por este proceso

A Xunta investiu 2,2 millóns de euros na parcelaria de Maceda-Orois, no Concello de Melide, que hoxe se dá por rematada coa entrega dun millar de títulos de propiedade

Mediante este proceso de reorganización do territorio, que abarca unha superficie de algo máis de 1.000 hectáreas, duplicouse a superficie media das parcelas resultantes

Entre o ano 2020 e o primeiro cuadrimestre de 2021, a Xunta entregou 10.500 títulos de 13 concentracións parcelarias que beneficiaron a preto de 4.200 propietarios

Ademais, véñense de decretar cinco novas parcelarias neste ano 2021, das cales dúas son en Outeiro de Rei e o resto nos concellos de Ordes, Friol e Castro de Rei

Melide (A Coruña), 30 de abril de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta mañá a entrega dun millar de títulos de propiedade da concentración parcelaria de Maceda-Orois, no concello coruñés de Melide, dando así por rematado este proceso que supuxo un investimento por parte da Xunta de 2,2 millóns de euros.

Esta parcelaria comprende unha superficie de algo máis de 1.000 hectáreas e beneficia a 436 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas se duplicaba. Así, salientou o conselleiro, pasouse de 2.636 parcelas iniciais a 1.004 fincas resultantes, o que conlevou tamén un aumento da base territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.

A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas este ano nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco e O Pino, nos lugueses de Riotorto, Castro de Rei, O Valadouro e Abadín, e no ourensá de Baltar. Ademais, entre o ano 2020 e o primeiro cuadrimestre de 2021, a Xunta entregou 10.500 títulos de 13 concentracións parcelarias -sumando a de hoxe- que beneficiaron a preto de 4.200 veciños propietarios.

Neste senso, o titular de Medio Rural destacou a importancia destes procesos, que se converten nunha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Ademais, o conselleiro insistiu en que se segue traballando arreo para finalizar os 96 procesos que a día de hoxe permanecen abertos, cun orzamento para tal fin que supera os 12 millóns de euros só neste ano 2021.

Novos procesos decretados

O titular de Medio Rural lembrou que a Xunta segue decretando novos procesos de reestruturación, fiel ao seu compromiso de declarar novas parcelarias por cada unha que se vaia rematando. Así, José González destacou que se veñen de decretar cinco novos procesos neste ano, dous deles no concello de Outeiro de Rei e outros tres -decretados onte mesmo- nos municipios de Ordes, Friol e Castro de Rei.

Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Ademais, a través da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, arestora en tramitación no Parlamento galego, seguiranse impulsando estes procesos á vez que se apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).

Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.

Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

Imaxes relacionadas