O presidente da Xunta asistiu esta tarde ao coloquio Galicia-Madrid en la vida y en la obra de Emilia Pardo Bazán

Feijóo define a Pardo Bazán como figura de encontro entre Galicia e Madrid, dúas comunidades piares da "España unida e diversa"

Ve nesa dualidade un trazo definitorio da identidade galega: “Tanto aquí como en Bos Aires, A Habana, Londres ou Xenebra, o galego asimílase sen perder as súas raíces porque fai provisión de identidades nunha síntese marabillosa”, di

Incide en que o seu europeísmo non implica un afastamento do español, senón todo o contrario, e asegura ver tamén na figura da intelectual un anticipo do galeguismo cosmopolita que impregna hoxe a sociedade galega

Madrid, 29 de abril de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, definiu hoxe a Emilia Pardo Bazán como figura de encontro entre Galicia e Madrid, dúas comunidades, aseverou, piares da “España unida e diversa”.

Durante o coloquio Galicia-Madrid en la vida y en la obra de Emilia Pardo Bazán, no que estivo acompañado do alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, Feijóo viu nesa dualidade un trazo definitorio da identidade galega: “Nós podemos combinar querenzas sen ningún tipo de desgarro interior. Tanto aquí como en Bos Aires, A Habana, Londres ou Xenebra, o galego asimílase sen perder as súas raíces porque fai provisión de identidades nunha síntese marabillosa”, explicou, salientando que a mesma Emilia Pardo Bazán que impulsa a Real Academia Galega está presente na vida do Ateneo de Madrid, onde foi a primeira muller en ser admitida.

Deste xeito, e logo de recordar que o seu europeísmo non implica un afastamento do español, senón todo o contrario, o titular da Xunta asegurou ver tamén na figura da intelectual un anticipo do galeguismo cosmopolita que impregna hoxe a sociedade galega.

Así mesmo, resaltou que non estamos diante dunha muller de pensamento único, xa que aínda que frecuentase diversas correntes políticas, non se ata a ningunha e achega a todas o seu sentido común, “o noso sentidiño”.

Por último, Feijóo recordou que tanto Rosalía de Castro, como Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán poñen as bases da revolución feminista en España, “cada unha coa súa personalidade e facendo achegas diferentes”. “Nos tres casos trátase dun feminismo resolto e inequívoco, pero non hostil a ninguén. Hostil so á inxustiza e a todos aqueles que se aproveitaban dela”, abundou, incidindo en que conciben un feminismo que busca a complicidade do home para emprender unha loita común que abra novos camiños.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta