A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, mantiveron hoxe un encontro co director do CTAG, Luís Moreno

A Xunta e o Centro Tecnolóxico da Automoción acordan colaborar para desenvolver ferramentas de dixitalización e innovación na rede autonómica de estradas

O Goberno galego expón a súa estratexia para a dixitalización de estradas, que espera desenvolver con fondos europeos do programa ‘Next Generation’

Buscará vías de colaboración co CTAG para adaptar as estradas á mobilidade autónoma e eléctrica con proxectos piloto e para a xestión dixitalizada da rede viaria

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

A Xunta e o Centro Tecnolóxico da Automoción acordaron hoxe colaborar no desenvolvemento de ferramentas para a dixitalización e a innovación no funcionamento da rede autonómica de estradas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co director do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Luís Moreno.

No encontro, puxeron en común as diferentes iniciativas de fomento da mobilidade sostible e conectada que tanto a Xunta como o CGTAG aspiran impulsar aproveitando a oportunidade dos fondos europeos do programa ‘Next Generation’, de fomento da recuperación económica fronte á pandemia.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informou de que, dentro dos 10 programas presentados ante o Ministerio de Transportes para investir 400 millóns de euros no fomento da mobilidade sostible e dixital, destacan os proxectos destinados a avanzar na dixitalización e innovación na xestión das estradas, para os que se solicitan 9,5 millóns de euros. En concreto, a conselleira referiuse á estratexia para a dixitalización de estradas de titularidade autonómica.

No encontro, a Xunta e o CTAC acordaron establecer vías de colaboración coas que se poidan desenvolver proxectos piloto para acadar os obxectivos de adaptar as estradas ás novas fórmulas de mobilidade, tanto eléctrica como autónoma.

Imaxes relacionadas