O Parque Nacional das Illas Atlánticas e a Universidade de Vigo colaboran na identificación dunha ánfora atopada en Cortegada

A peza, localizada por un particular hai varias décadas en augas próximas á illa, é a primeira deste tipo fabricada en África e que se documenta en territorio galego

O achado reforza a importancia que tivo durante a época romana Cortegada e a súa contorna, que xa foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

A colaboración entre o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, dependente da Xunta, e a Universidade de Vigo acaba de permitir identificar con precisión unha ánfora pertencente á época romana e que fora atopada hai varias décadas en augas próximas á illa de Cortegada. Trátase dunha ánfora de tipo Dressel 2-4, un dos máis comúns producidos ao longo de todo o Mediterráneo desde o s. I a.C. ata finais do s. I d.C.

A peza, da que se conserva a parte superior completa, colo e boca pero non as asas, gardouna durante anos o veciño de Carril responsable do achado ata que en 2014 decidiu entregarlla ao Parque Nacional, que, á súa vez, a derivou á Universidade de Vigo para o seu estudo e análise no marco do convenio de colaboración existente entre ambas entidades.

O traballo dos investigadores vigueses permitiu determinar que a peza recuperada en Cortegada foi fabricada nun taller alfareiro do norte de África, no actual sur de Túnez e oeste de Libia, e que se usaría, probablemente, para transportar viño africano, como demostra o interior resinado que aínda conserva. Trátase da primeira ánfora deste tipo fabricada en África e documentada en territorio galego, onde as pezas deste tipo máis habituais son as producidas no golfo de Nápoles e que servían para exportar o afamado viño de Campania.

Cómpre subliñar que a identificación nestes casos adoita ser difícil, non tanto á hora de determinar a tipoloxía senón máis ben o seu lugar de produción dado que a pasta cerámica da que están feitas adoita estar moi modificada tras pasar séculos mergulladas no océano.

No caso concreto da ánfora localizada preto de Cortegada, sen embargo, púidose establecer con seguridade o tipo e lugar de procedencia, datos moi importantes para reconstruír a ruta comercial e o produto que chegou ás costas galegas en época romana.

Posible naufraxio na zona

Este importante achado, realizado hai décadas pero que non se puido identificar ata agora, reforza a importancia de Cortegada na época romana, algo que impulsou varias actuacións arqueolóxicas, especialmente na contorna de Punta Fradiño, ao noroeste da illa.

O obxectivo sempre foi localizar un posible pecio romano afundido na zona e de cuxo cargamento se foron recuperando durante anos ánforas e outras cerámicas por parte de pescadores, buzos e ao abeiro de varias intervencións arqueolóxicas, como a levada a cabo nos anos 80 polo Museo de Pontevedra e a Comandancia Militar de Mariña de Vilargacía e cuxos achados se atopan depositados no Museo provincial.

A pesar de non terse localizado restos do navío, a cantidade de ánforas completas e a homoxeneidade cronolóxica das pezas recuperadas apuntan á posibilidade real dun naufraxio romano fechado no s. I d.C., unha cronoloxía similar á doutro pecio romano galego localizado na zona de Cabo de Mar, na ría de Vigo.

A ánfora africana Dressel 2-4 reforza esta hipótese ao contar cunha cronoloxía que se enmarca perfectamente na que se tiña para o resto de ánforas. Ademais, amosa unha imaxe máis precisa do cargamento, onde se combinan diversos produtos (viños, aceite, salazóns,...) de diferentes zonas do Mediterráneo e do Océano Atlántico. Así, o máis probable é que este barco partise dun porto do sur de Hispania cargado con produtos principalmente desa rexión pero con outros procedentes de zonas máis afastadas, que chegarían ao sur da Península a través dalgunha das rutas marítimas do Mediterráneo.

Non obstante, entre todos os materiais recuperados na zona de Cortegada existen tamén pezas que non se encadran nestas datas polo que hai que pensar que, ademais dun posible naufraxio, a contorna da illa tamén se empregou como zona de desembarco das actividades comerciais que se levaban a cabo na ría de Arousa durante toda a Antigüidade.

Imaxes relacionadas