O Consorcio Casco Vello de Vigo inicia o proceso de adxudicación de dúas vivendas da rúa San Francisco, 15

A presidenta do organismo e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informa de que en breve se retomaran as obras en Elduayen 31

Desestímase a proposta de cesión de 14 locais propiedade do CCVV ao Concello ao achegar unha información incompleta que xera dúbidas sobre o que está a solicitar
 

Vigo, 29 de abril de 2021.- A

presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, presidiu hoxe o consello de administración do organismo rehabilitador no que se aprobou o inicio da selección dos adxudicatarios de dúas novas vivendas de promoción autonómica na rúa San Francisco 15, na contorna da Praza do Berbés.

Así o informou a representante autonómica, quen indicou que a primeira das vivendas, que ocupará as plantas baixa e primeira cunha superficie útil de 110,54 metros cadrados, ten fixado o prezo en 188.000 euros; mentres que o segundo dúplex, de 119,65 metros cadrados no segundo e terceiro andar, se sorteará por 210.000 euros. En ambos os dous casos os prezos propostos son inferiores aos máximos de venta que cabería aplicar en función das características destes inmobles.

O Consorcio Casco Vello de Vigo arrancou a rehabilitación desta edificación no verán de 2020 tras proceder ao seu baleirado interior por atoparse en moi malas condicións de conservación e preservando unicamente a fachada. O proxecto construtivo contempla así accesos separados ás dúas vivendas. O primeiro deles por un viario lateral entre San Francisco e Poboadores, con acceso no caso do segundo por esta última rúa. Ambas residencias contan con tres dormitorios, salón-comedor-cociña, un baño, un aseo e un lavadoiro-tendal. Asemade disporán dun pequeno balcón.

Por outra banda, o comité executivo reunido con anterioridade, aprobou a modificación do proxecto de rehabilitación do número 31 da rúa Elduayen, o que permitirá, tal e como sinalou Fernández-Tapias, retomar en breve as obras de recuperación deste edificio. O proxecto contempla unha edificación con cinco alturas, máis un baixo comercial, cara á céntrica rúa viguesa. Trátase dunha das obras de rehabilitación máis custosas para o CCVV, pois a inversión ascende a 1,2 millóns de euros. En conxunto 829 metros cadrados construídos e repartidos en seis vivendas, local comercial e servizos e instalacións.

Cesión locais

En outro orden, a xerencia do Consorcio Casco Vello de Vigo acordou desestimar a solicitude do Concello de Vigo para a cesión de 14 locais na zona alta do barrio histórico propiedade deste organismo público, tal e como expuxo a súa presidenta. Fernández-Tapias sinalou que no informe elaborado polos técnicos do Consorcio (participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello) en resposta á petición da Administración local se reflicten dúbidas sobre o que realmente se está a solicitar.

De feito, tal e como detallou, o expediente non acredita pese a requirirllo as facultades que permiten aos solicitantes (os representantes municipais do PSOE no CCVV) formular solicitudes que comporten obrigas para o Concello de Vigo. Deste modo, a proposta de disentimento redactada polos técnicos recolle que “non parece posible que a mera designación dos solicitantes como representantes do Concello de Vigo no Consello de Administración do CCVV, permita presumir que unha solicitude formulada por calquera deles vaia contar posteriormente co respaldo municipal (cantidade a pagar, inversión a realizar nos locais, tramitación dos expedientes de uso e posterior control que se debería facer sobre os mesmos), máxime como ocorre no presente caso, non hai nin unha mínima referencia a dispoñibilidade para facer fronte ao gasto”.

Asemade, indican que non se aporta a memoria requirida. Isto é, aclara o informe técnico, a forma sobre a que o Concello vai desenvolver os usos aos que alude; é dicir, si os vai desenvolver directamente o Concello ou asociacións particulares. Asi mesmo, os técnicos do CCVV botan en falta unha referencia, aínda que sexa mínima, á “dispoñibilidade dos medios previstos para acadar os fins que se pretenden, concretamente sobre o réxime xurídico das sucesivas transmisións e carácter das entidades concesionarias, si o que se pretende é que asociacións sen ánimo de lucro ocupen os locais”.
 

Imaxes relacionadas