A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Ourense da rúa da Concordia e do treito de avenida de Buenos Aires entre as rúas de Santo Domingo e Ramón Cabanillas

A Xunta e a entidade local asinaron en 2018 un protocolo polo que a Administración autonómica se comprometía á execución de distintas actuacións na rede de estradas da cidade

Co obxectivo de simplificar a tramitación administrativa, acordouse que a mellora da rúa Marcelo Macías sería financiada integramente pola Xunta e transferida ao Concello ao remate das actuacións

O Concello comprometeuse a financiar a totalidade das obras da rúa Concordia, cuxa titularidade lle transfire a Xunta de modo previo á licitación dos traballos
 

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade a prol do Concello de Ourense da totalidade da rúa da Concordia e do treito da avenida de Buenos Aires situado entre as rúas de Santo Domingo e Ramón Cabanillas.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 15 de abril: https://xurl.es/bpvs3

A Xunta e o Concello de Ourense asinaron en 2018 un protocolo polo que a Administración autonómica se comprometía á execución de actuacións na rede de estradas na cidade.

No marco deste convenio, incluíanse as melloras das rúas Marcelo Macías e Concordia, que serán asumidas polo Concello tras a execución dos traballos.

Co obxectivo de simplificar a tramitación administrativa das actuacións, estableceuse un acordo polo que a Xunta asumiu o 100% do financiamento das obras na rúa Marcelo Macías, actualmente en execución, formalizándose a transferencia a prol do Concello unha vez rematados os traballos.

Pola súa banda, o Concello comprometeuse a asumir a totalidade do financiamento das obras da rúa Concordia, realizando a Xunta o cambio de titularidade de modo previo á súa licitación por parte da Administración local.

Estes treitos forman parte da antiga N-120, carecen de funcionalidade dentro da rede autonómica e non ostentan a condición de estradas, pertencendo ao tecido urbano da propia cidade de Ourense.

Segundo a Lei 8/2013 de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas.

O cambio de titularidade será efectivo a partir de mañá, día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A partir da entrega, correspóndenlle ao Concello de Ourense todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria.