A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez salienta o investimento da Xunta de case 38 M€ na execución de obras de saneamento e depuración no Concello de Pontevedra

Vázquez Mourelle destaca que a capital da provincia acapara case todos os investimentos e obras previstos no marco Plan de saneamento da ría de Pontevedra

Indica que a mellora da EDAR dos Praceres, na que a Xunta está a investir 16,5 M€, rolda o 40% de execución

Avanza que en maio comezarán as obras do novo emisario, cun orzamento de 12 millóns, coa fin de posibilitar unha mellor devolución das augas limpas á ría

Lembra que o pasado mércores a Xunta licitou a redacción do proxecto para mellorar o bombeo de Cocheras, cun orzamento de 3,7 M€

Insta ás administracións, con especial acento ás deputacións, a prestar apoio aos concellos nas súas competencias de saneamento e abastecemento, unha materia “responsabilidade de todos” na que a Xunta “está soa”

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta investirá case 38 millóns de euros na execución de obras de saneamento e depuración no concello de Pontevedra.

Vázquez Mourelle subliñou o apoio técnico e económico que o Goberno galego vén prestando aos concellos da ría de Pontevedra, coa mobilización de 47 millóns de euros, dos que 32 millóns se corresponden con traballos xa en execución e 15 millóns en 10 actuacións que están planificadas.

Fixo fincapé en que dos 32 millóns de euros que se están a investir no marco do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, case 30 teñen como beneficiario directo ao concello de Pontevedra. Destacou que 6 das 10 actuacións pendentes de execución neste plan, que representan 7,8 millóns de euros de orzamento, son actuacións encamiñadas a mellorar as redes de saneamento deste municipio.

Ethel Vázquez referiuse a que os traballos de mellora da depuradora dos Praceres, nos que a Xunta está a investir 16,5 millóns de euros, están executados xa ao 40%. Esta actuación permitirá mellorar a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, pois terá capacidade para procesar 900 litros por segundo.

Avanzou que en maio comezarán as obras do novo emisario, nas que a Xunta investirá 12 millóns de euros. Esta infraestrutura terá 3,6 km e permitirá a mellor devolución das augas limpas á ría.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sumou a estas dúas actuacións outras 10 coas que se busca mellorar as redes de saneamento dos distintos concellos da ría. Citou intervencións como a prevista na rede do río Lameira, en Marín, que se licitará en verán; ou o novo bombeo da Seca e de Porto Campelo, en Poio, cuxa redacción do proxecto xa se licitou.

Tamén destacou a obra de reforzo da capacidade de transporte das augas residuais desde o bombeo de Cocheras á depuradora dos Praceres, coa redacción do proxecto licitada o mércores e cun orzamento previsto nas obras de 3,7 millóns de euros.

Implicación das administracións

Ethel Vázquez lembrou que o saneamento, a depuración e o control de vertidos son responsabilidades directas dos concellos e instou a todas as administracións a sumar esforzos para que os municipios dispoñan das mellores infraestruturas e servizos de saneamento, abastecemento e depuración: unha materia de “responsabilidade de todos” e na que a Xunta “está soa”, sinalou.

Precisou que a implicación clara e decidida da Xunta non exime a outras administracións de seguir o exemplo do Goberno galego. Neste sentido, puxo especial acento nas deputacións, cuxo cometido directo consiste en apoiar aos concellos na prestación de servizos.

Explicou que os concellos tamén deben cumprir as súas responsabilidades en canto aos servizos hidráulicos. Neste sentido, recordou que a Xunta está a asumir a xestión da depuradora dos Praceres, sendo o Concello de Pontevedra o único de todas as grandes cidades galegas que non asume a explotación deste tipo de infraestrutura.

Ethel Vázquez resaltou que é importante que os concellos impulsen a parte do proceso que lles corresponde, que outorguen permisos, poñan a disposición os terreos e realicen as modificacións urbanísticas que correspondan.

Subliñou, ademais, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico debe simplificar a tramitación para a execución deste tipo de actuacións, pois a Xunta agardou tres anos a que a Dirección xeral de Costa e do Mar autorizase o novo emisario submarino.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade concluíu salientando que cómpre a boa disposición por parte de todas as administracións implicadas, xa que da calidade das augas das rías dependen a pesca, o marisqueo e a acuicultura, o turismo e a calidade de vida dos cidadáns.

Imaxes relacionadas