O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe co alcalde, Juan Manuel Saborido, a adhesión do concello a esta iniciativa

A Xunta garante aos maiores vulnerables de Carnota unha atención alimentaria saudable e equilibrada co programa Xantar na casa

Unha vintena de persoas, fundamentalmente maiores que viven sos, recibirán nos seus fogares a comida para todos os día da semana

Un total de 187 municipios galegos contan xa con este servizo, que ten preto de 1700 beneficiarios

A Coruña, 28 de abril de 2021

A Xunta continúa a estender o programa Xantar na casa por toda Galicia ao sumar hoxe o concello de Carnota como nova incorporación a este servizo de atención alimentaria no fogar, que xa chega a 187 municipios e conta con preto de 1700 persoas usuarias. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde carnotán, Juan Manuel Saborido, asinaron esta mañá o convenio de adhesión á iniciativa nun acto que tivo lugar na sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña.

O Xantar na casa está dirixido, sobre todo, a maiores que viven sos; e tamén pode chegar a persoas dependentes ou en situación ou risco de exclusión social. En todos os casos os usuarios son seleccionados polos servizos sociais municipais. En Carnota, o programa beneficiará inicialmente a unha vintena de veciñas e veciños aos que se lles levará ás súas vivendas o xantar para todos días da semana, incluídas as fins de semana e os festivos. O número de participantes no programa poderase ampliar se hai máis persoas interesadas que cumpran os requisitos.

A comida repartirase nos domicilios nunha única entrega semanal para as sete xornadas, polo que os beneficiarios soamente deberán quentala antes de consumila. Ademais, a aquelas persoas que carezan de neveira ou microondas facilitaráselles os electrodomésticos necesarios para preservar estes alimentos.

Obxectivos

Perfecto Rodríguez manifestou que a finalidade fundamental do Xantar na casa é garantir unha alimentación saudable, equilibrada e de calidade, adaptada ás necesidades das persoas. Así mesmo, explicou que a entrega semanal da comida permite facer un seguimento individualizado dos usuarios do programa por parte dos profesionais do reparto, o que permite previr posibles incidencias.

No ámbito xeográfico do Barbanza, Xantar da casa chega na actualidade a nove concellos: Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e agora tamén Carnota.

Este programa autonómico ten un custe de 2,3 millóns de euros ao ano, incluída a achega dos Concellos e tendo en conta que a Xunta financia o 50% do prezo dos menús; as entidades locais achegan o 25% e o outro 25% corre a cargo das persoas usuarias.

Imaxes relacionadas