A Xunta licita por máis de 430.000 euros as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, no concello de Mos

As empresas interesadas neste contrato, cun prazo de execución de 4 meses, poden presentar as súas ofertas ata o día 31 de maio

A actuación enmárcanse na colaboración entre Xunta e Concello para realizar as obras pendentes en toda a zona norte da parroquia e parte da zona sur

Augas de Galicia asume así o seu compromiso de financiar o 75% das obras de saneamento desta parroquia

A rede deseñada servirá unha poboación máxima de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia municipal
 

Santiago de Compostela.- 28 de abril de 2021

A Xunta licitou hoxe as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, no concello de Mos.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia recolle a licitación destes traballos por un importe de máis de 430.000 euros. As empresas interesadas en executar as obras teñen de prazo ata o día 31 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución é de 4 meses.

Este contrato enmárcase na colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Mos, aprobada polo Consello da Xunta o pasado día 15 de abril.

Mediante esta colaboración dáse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local.

Deste xeito, a Xunta asume o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento desta nova fase na parroquia de Pereiras, que serán financiados no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

As obras obxecto do contrato


O concello de Mos pertence ao Consorcio do Louro e dirixe as augas residuais do concello á estación depuradora de augas residuais de Guillarei. A parroquia de Pereiras divide a súa rede de saneamento en zona norte e zona sur, quedando pendente de completar toda a zona norte e parte da sur non executada.

Segundo o proxecto redactado por Augas de Galicia, as actuacións que se levarán a cabo para completar a rede de saneamento da parroquia de Pereiras dividiranse en dúas zonas.

Na zona norte proxéctase un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros en PVC 315 mm, e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros, en tubaxe de PVC 315 mm. Executaranse tamén 35 pozos.

Na zona sur, completarase a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe de PCV 315 mm e un total de 46 pozos.

Os traballos completaranse coa reposición dos firmes das vías que resulten afectadas.

Unha vez recibidas as obras polo Concello, o Consorcio do Louro asumirá a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.

Coa mellora proxectada servirase unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.