A Xunta presenta ao concello de Cangas as actuacións de renovación e mellora integral da estación de autobuses, que suporá un investimento autonómico de 300.000 euros

O Goberno galego está a ultimar a redacción do proxecto construtivo co obxectivo de iniciar as obras antes de que remate o ano

Actuarase na impermeabilización e illamento da fachada e das cubertas e mellorase a eficiencia enerxética no edificio e nas dársenas da terminal

Reorganizarase a distribución interior da estación para incrementar a súa funcionalidade, instalaranse portas automáticas nos accesos e colocarase un panel informativo dixital cos horarios dos autobuses e barcos

Na zona de dársenas instalarase nova sinaléctica, con letreiro luminoso na fachada cara á vila
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe ao Concello de Cangas o proxecto de renovación e mellora integral da estación de autobuses da localidade, que suporá un investimento autonómico de 300.000 euros.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo unha reunión coa alcaldesa de Cangas, María Victoria Portas, para abordar o detalle das actuacións que se están a deseñar desde a Xunta.

Tal e como avanzou Ignacio Maestro, o obxectivo do Goberno galego é iniciar este mesmo ano os traballos que permitirán a mellora integral da infraestrutura e a actualización da imaxe da terminal de autobuses de Cangas.

Nesta xuntanza de traballo, o responsable da Xunta expuxo o plan dos traballos previstos, tanto no edificio como na zona de dársenas de autobuses, toda vez que o proxecto de construción que a Xunta está a redactar estará finalizado neste mes de maio.

Entre as actuacións proxectadas no edificio da estación de autobuses de Cangas destaca a impermeabilización da cuberta e a reparación, tratamento protector e acabado das varandas e rexas metálicas da planta alta, así como a limpeza, rexuntado e tratamento protector do muro de perpiaño e do cerramento exterior.

Tamén se procederá ao revestimento da fronte da marquesiña con panel de aluminio lacado como elemento integrador das distintas partes do edificio, dotado de iluminación lineal led, xunto co revestimento de exteriores da planta alta e a cuberta con panel de aluminio lacado.

Na intervención proponse, ademais, a reorganización da distribución do interior do edificio da estación para mellorar a súa funcionalidade e a renovación de revestimentos verticais interiores e falsos teitos, mellorando a eficiencia enerxética do edificio.

Os traballos incluirán a instalación de portas automáticas en accesos, así como a renovación da instalación interior de electricidade e iluminación con tecnoloxía led.

No que se refire ás obras na zona de dársenas, o proxecto da Xunta comprende a rehabilitación dos elementos que conforman a cuberta, mantendo a súa imaxe característica, incluíndo traballos de limpeza, tratamento protector e acabado do sistema estrutural e substitución dos paneis de policarbonato que conforman as velas por paneis HPL en cor branca.

Instalarase, ademais, nova sinaléctica nas dársenas con letreiro luminoso na fachada que dá á vila, e que irá integrado na mampara de vidro na fachada ao mar.

As obras de mellora da terminal de autobuses recollen, tamén, a reconfiguración do acceso peonil á zona de dársenas desde o paseo, como acceso principal á estación de autobuses, e a instalación de mampara protectora de vidro laminado na zona exterior de espera, tamén con nova bancada.

Os traballos que se realizarán na zona de dársenas completaranse, ademais, coas reparacións de tratamento protector e acabado da varanda de separación co paseo, e co pavimento. Tamén se renovará a instalación exterior de electricidade e iluminación con tecnoloxía led e instalaranse barreiras automáticas nos accesos á zona de autobuses.

A Xunta tamén está a valorar a posibilidade de incluír unha zona ‘kiss and ride’ no exterior da estación, que facilite o acceso dos usuarios ás terminais de autobuses e marítima.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asumirá o custo total destas obras, que serán financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa FEDER Galicia 14-20, como parte da resposta da UE á covid-19.