Ángeles Vázquez avanza a licitación da mellora de varias rúas no concello dos Blancos por preto de 50.000 euros

Salienta que no núcleo de Nocedo, ademais de traballos de adecuación, se instalará mobiliario urbano para dinamizar a vida veciñal na zona

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantoulle ao alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, que hoxe mesmo se publica a licitación da mellora de varias rúas do núcleo de Nocedo.

Nunha reunión telemática celebrada na tarde de onte, a conselleira indicoulle que a plataforma de contratos públicos da Xunta publica este martes por preto de 50.000 euros a licitación deste contrato, co que se quere mellorar este espazo para fomentar a convivencia veciñal.

A conselleira e o rexedor repasaron na xuntanza este proxecto e outros de interese para o municipio en materia de ordenación urbanística. O obxectivo é colaborar naquelas iniciativas que melloren as infraestruturas municipais, sobre todo naqueles casos nos que as posibilidades económicas das entidades locais así o requiran.

No caso concreto da actuación prevista nos Blancos, as obras consisten na rexeneración do pavimento do pobo de Nocedo, para mellorar o acceso e a comunicación a través da rede de estradas. Ademais, tamén se levarán a cabo traballos de roza e limpeza, así como a colocación de mobiliario urbano.

A conselleira e o alcalde coincidiron en que, deste xeito, se permite o aumento da calidade de vida desta zona rural e se contribúe a fixar poboación.

Outro dos temas abordados na reunión foi a vivenda pública no concello. Sobre isto, Ángeles Vázquez recordoulle ao rexedor a necesidade de achegar a documentación técnica para a execución de inmobles, co fin de verificar que se cumpren requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou accesibilidade.
 

Imaxes relacionadas