O acordo foi comunicado hoxe pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á ANPA das Lombas

A Xunta reforza a partir do día 3 de maio os servizos de autobús para facilitar o traslado diario dos estudantes de Catoira ao IES de Valga

Desta forma aténdese á solicitude da ANPA para que os alumnos deste municipio poidan dispor do servizo de transporte público da Xunta ao IES de Valga

Para a prestación do novo servizo créase unha liña para a expedición de ida ao IES de Valga, empregándose a actual ruta IES de Valga-Choren para a volta, e incorporando novas paradas en Catoira

Os servizos de mañá sairán ás 7:45 horas desde Catoira-Área Estacionamento, con chegada ao IES ás 08:27

O itinerario de mediodía partirá do instituto ás 14:30 horas con chegada a Catoira ás 14:50 e será atendido co roteiro do IES de Valga-Choren

Para a xornada lectiva das tardes do luns establécese a saída de Catoira ás 16:00 horas e a chegada ao IES ás 16:20, prevéndose o regreso ás 18:15 horas

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reforzará a partir da vindeira semana os servizos de autobús no concello de Catoira para facilitar o desprazamento diario dos estudantes deste municipio que cursan os seus estudos no IES de Valga, no concello veciño.

Este servizo será efectivo a partir do vindeiro luns, día 3 de maio, unha vez transcorrido o prazo establecido dunha semana desde a aprobación para as modificacións da ruta de transporte público xa existente no contrato XG830 comarca de Caldas e norte do Salnés, que atende o IES de Valga e cubre, tamén, os tráficos entre os concellos de Valga e Catoira.

O acordo vén de ser comunicado hoxe mesmo pola titular do departamento de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á ANPA das Lombas. Deste xeito, dáse resposta á solicitude da ANPA, pertencente ao citado centro educativo de Catoira, para que un grupo de alumnos deste municipio que se trasladan diariamente ao IES de Valga poidan dispor dunha liña de transporte público que lles permita facer uso da oferta educativa do IES de Valga, que non se atopa noutros centros dos concellos limítrofes.

A solicitude de modificación resolveuse favorablemente, tras a correspondente análise técnica polo departamento da Dirección Xeral de Mobilidade e tras confirmar a súa viabilidade cos titulares dos contratos con tráficos autorizados entre Catoira e Valga.

Os novos servizos e os horarios

Para a prestación deste novo servizo fundiranse dúas rutas xa existentes nunha soa e crease a liña XG830112 para a expedición de ida ao IES de Valga, empregándose a ruta IES de Valga-Choren para o percorrido de volta. En ambas as dúas rutas incorpóranse novas paradas no concello de Catoira.

Máis en detalle, esta nova liña XG830112 prestará os servizos de mañá entre Catoira e o IES de Valga. A saída da expedición fíxase ás 7:45 horas, desde Catoira-Área Estacionamento, con chegada ao IES de Valga ás 08:27 horas. Inclúense neste percorrido as paradas de Baiuca-Gondar, Baiuca López, Baiuca-Gasolineira e Catoira-Área de Estacionamento.

Para o percorrido de mediodía, o servizo será atendido co roteiro actual IES de Valga-Choren, incorporándose as paradas de Baiuca-Gondar, Baiuca López, Baiuca-Gasolineira e Catoira-Área de Estacionamento. A saída do IES de Valga establécese ás 14:30 horas, con chegada a Catoira ás 14:50.

Por último, para o percorrido do luns pola tarde o servizo será atendido tamén co roteiro IES de Valga-Choren, desde Catoira-Área de Estacionamento. A hora de saída de Catoira fíxase ás 16:00 horas e a chegada ao IES ás 16:20. O regreso, será con saída do IES ás 18:15 horas e chegada a Catoira-Área Estacionamento ás 18:35.

A Xunta continúa ampliando a cobertura nas novas liñas de transporte público, adecuando e mellorando os servizos para responder ás necesidades dos cidadáns.

Estas modificacións son froito do permanente diálogo que mantén a Xunta cos centros educativos, concellos e as empresas titulares das concesións, así como do seguimento continuo que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén sobre o funcionamento do transporte público.

Imaxes relacionadas