Galicia envía á Comisión Europea un informe sobre as políticas demográficas levadas a cabo polo Goberno galego

Foi un dos compromisos adquiridos polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coa vicepresidenta da Comisión para a Democracia e a Demografía, Dúbravka Šuica, na reunión mantida en xaneiro

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2021

A Xunta de Galicia vén de enviar á Comisión Europea un informe sobre as distintas medidas que o Goberno galego ten posto en marcha nos últimos anos para superar o reto demográfico, un dos principais problemas aos que se enfronta non só a Comunidade, senón gran parte dos territorios de España e Europa. O documento, titulado Demographic revitalization policies in Galicia – Spain, explica e detalla as iniciativas deseñadas pola Administración autonómica para fomentar a natalidade, impulsar a conciliación ou atraer poboación a Galicia que máis éxito acadaron desde a súa creación.

Dá resposta, así, o Executivo autonómico ao compromiso adquirido o pasado mes de xaneiro polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, coa vicepresidenta da Comisión Europea para a Democracia e a Demografía, Dubravka Šuica, nunha reunión mantida a través de videoconferencia na que se lle expuxeron as iniciativas impulsadas desde Galicia nesta materia.

Tarxeta Benvida, casas niño e 25.000 prazas públicas

O informe detalla medidas como a Tarxeta Benvida, da que explica o seu percorrido desde a súa posta en marcha en 2016 ata a actualidade, incluíndo as diferentes melloras que se incorporaron para as familias máis vulnerables ou aquelas que viven no rural. Explica, así mesmo, as rebaixas fiscais que se aplican ás familias con fillos e que, de igual xeito, incrementan os beneficios para aquelas que teñen maiores dificultades económicas ou as que viven en concellos pequenos.

Así mesmo, Demographic revitalization policies in Galicia – Spain pon en valor que na actualidade hai máis de 10.000 prazas de escolas infantís da Administración autonómica, así como outras máis de 25.000 que contan con apoio de fondos públicos. Nesta liña, o documento salienta que Galicia conta cunha ratio de atención infantil de 0 a 3 anos dun 44%, isto é, 11 puntos por riba da recomendada pola Unión Europea.

As casas niño, pequenas escolas infantís en concellos de menos de 5.000 habitantes, centran outro dos apartados do informe, no que se detalla que estes centros son completamente gratuítos para as familias e que permiten a conciliación das nais e pais que residen no rural.


Lei de impulso demográfico

Por último, o documento recolle a importancia da recente aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de Impulso Demográfico, un texto normativo pioneiro en España que, desde unha perspectiva transversal e cunha vocación de consenso, procura atallar os desafíos do reto demográfico.
 

Imaxes relacionadas