A Xunta incentiva con 80.000 euros en premios aos proxectos máis destacados da súa aceleradora de startups no sector turístico

Turislab ofrece ademais aloxamento e manutención para os participantes que o soliciten nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia

A fase de inscrición nas 6 categorías habilitadas para solucións innovadoras no sector turístico estará aberta ata o vindeiro mércores 28 de abril

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2021

Turislab, a primeira aceleradora galega de Turismo, premiará aos proxectos máis destacados que completen o programa de formación e mentoring previsto, que se desenvolverá na Barcia desde o 4 de xuño ata o 10 de decembro deste 2021. A primeira edición desta iniciativa estratéxica de aceleración empresas turísticas con menos dun ano de actividade contará cunha achega de 80.000 euros destinada a estes premios.

Ademais, Turislab ofrece aos seus participantes aloxamento e manutención durante os días de formación (venres e sábados), no propio complexo onde se sitúa a sede principal da aceleradora, en Santiago de Compostela.

Estes recursos económicos da Xunta complementaranse coa participación dos distintos integrantes da rede de investidores da primeira edición de Turislab. Estes fondos e empresas de investimento terán acceso aos proxectos, e polo tanto ás startups do programa. Ademais dos contactos que se produzan ao longo dos meses de formación, o vindeiro 10 de decembro celebrarase o Investors Day, o evento final no que se presentarán formalmente as solucións aceleradas ante estes inversores, que poderán establecer un contacto máis estreito cos distintos axentes emprendedores.

Este anuncio das cifras de premios e axudas para os participantes oficialízase en plena fase de inscrición, que permanecerá aberta ata o vindeiro mércores 28 de abril. O prazo finalizará ás 11:59 horas da mañán, ao completarse o período fixado de 30 días naturais.

Os interesados en presentar a súa solicitude (por medio do formulario da páxina web: www.turislab.gal poderán adxuntar un resumo executivo propio ou empregar o modelo que se facilita desde Turislab. Os requisitos fundamentais son ter unha idea innovadora con aplicación práctica no sector turístico, ser emprendedor ou emprendedora, ou unha startup con menos de 12 meses de actividade, e enviar a proposta dentro do período establecido, dentro dalgunha das seis categorías habilitadas: Gastro Tech, Travel Tech, Social Tech, Infraestructure Track, Camiño de Santiago e Sostibilidade.

Imaxes relacionadas