A Xunta inicia a vindeira semana as tarefas de limpeza na estrada OU-533, que une A Gudiña e A Rúa

Continuarase, ademais, cos labores iniciados na OU-636, nos municipios ourensáns da Pobra de Trives e de Larouco

Proseguirase coas tarefas iniciadas a pasada semana en máis de 40 estradas do sur da provincia de Pontevedra e coas que se están a levar a cabo na vía de altas prestacións V.G.-4.4, no municipio de Marín

Seguirase coas limpezas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña na vía de alta capacidade VG.-1.2, en Ares e Mugardos

Estas intervencións potencian o efecto cortalumes das estradas, incrementan a seguridade viaria, cunha maior visibilidade, e fomentan unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil
 

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2021

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza na estrada ourensá OU-533, que comunica os concellos da Gudiña e A Rúa. Ademais, continuará coas tarefas que están en marcha noutras vías da provincia de Ourense, así como nas de Pontevedra e da Coruña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, seguirán as actuacións na provincia de Ourense, cos traballos iniciados a pasada semana na estrada OU-636 na Pobra de Trives e en Larouco.

Tamén continuarán as tarefas iniciadas a pasada semana en máis de 40 estradas de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra, e seguirase cos labores que se están a levar a cabo na vía de altas prestacións V.G.-4.4, no municipio de Marín.

Proseguiran, ademais, as tarefas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña, na vía de alta capacidade VG.-1.2, que comunica a contorna do polígono de Vilar do Colo e Mugardos, ao seu paso polos municipio de Ares e Mugardos.

O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato coa empresa pública Seaga, que se veñen realizando ao longo do ano, céntranse, principalmente, na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas, reducindo progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas