A Xunta autoriza a construción dun centro de maiores no concello da Lama

O Goberno galego achega 200.000 euros para financiar parte das obras da nova edificación, que contará con fogar residencial e centro de día

A licitación e a construción da infraestrutura, así como a súa posterior xestión, correrá a cargo do Concello
 

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2021

A Xunta de Galicia vén de autorizar ao Concello da Lama a construción dun centro para persoas maiores que funcionará como fogar residencial e centro de día. A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse co alcalde deste municipio pontevedrés, Jorge Canda, para sacar adiante esta actuación, que contará cunha achega autonómica de 200.000 euros.

Unha vez que o ente local xa dispón dos permisos necesarios poderá agora licitar as obras do inmoble, que albergará un pequeno fogar residencial de seis prazas e un centro de día con capacidade para atender unha vintena de usuarios. A construción e posterior xestión do centro serán de competencia municipal.

O proxecto elaborado polo Concello estima en arredor de 520.000 euros o custe da construción. A infraestrutura terá unha superficie aproximada de 300 metros cadrados e incluirá dous espazos diferenciados: un para o fogar residencial e outro para o centro de día. O reservado para fogar residencial dotarase de habitacións con baño incorporado, e na zona que se dedicará a centro de día incluirase un comedor, unha sala polivalente, cociña e outras dependencias necesarias para o funcionamento do centro.

Colaboración entre administracións

A construción deste novo fogar residencial e centro de día é posible tras o convenio que a Consellería de Política Social asinou co concello da Lama en xuño do ano pasado para sufragar parte das obras. Esta actuación permitirá dotar ao municipio dun recurso de atención continuada para as súas veciñas e veciños de máis idade.
 

Imaxes relacionadas