O número de vistas gravadas nos xulgados de Galicia en marzo foi o máximo rexistrado nun mes dende que se implantou o sistema
Todas as salas das sedes xudiciais de Galicia dispoñen de equipamento eFidelius para a gravación das vistas
Nos xulgados galegos hai 66 salas de vistas completamente dixitais e outras 60 atópanse en fase de licitación
As salas dixitais facilitan o uso do Expediente Xudicial Electrónico e contan con sistema de videoconferencia e gravación
O número de equipamentos de videoconferencia a disposición das sedes xudiciais de Galicia, tanto fixos como móbiles, é de 185
Entre xaneiro e marzo de 2021, os xulgados galegos emitiron máis de 2,2 millóns de comunicacións telemáticas
Nos xulgados de Galicia graváronse no mes de marzo deste ano un total de 10.175 vistas, o que supón un incremento dun 124.47% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Trátase do mes con maior número de vistas gravadas nos últimos tres anos, dende o comezo da implantación da aplicación eFidelius.
Tras acadar o obxectivo de que todas as salas das sedes xudiciais de Galicia dispoñan do sistema para a gravación das vistas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a acometer un proceso de instalación de novos equipamentos que integra ademais o sistema de videoconferencia.
Un total de 66 das salas galegas (un 34% do total) son xa completamente dixitais, o que implica que dispoñen dun deseño e compoñentes destinados a facilitar o uso do Expediente Xudicial Electrónico durante a celebración das vistas. Estas salas integran o equipo de videoconferencia que permite tamén a gravación das vistas no sistema eFidelius. As salas dixitais aseguran unha correcta visualización de todos os elementos do Expediente, tanto en papel como en soportes dixitais.
Por provincias, A Coruña dispón de 26 salas de vistas dixitais; Pontevedra ten 21; Ourense, 12 e Lugo, 7.
Na actualidade atópase en marcha o proceso de licitación para a subministración, instalación e posta en marcha de 60 salas dixitais máis, por un importe de 1,67 millóns de euros. O prazo para a presentación de ofertas remata o 28 de abril.
As sedes xudiciais de Galicia dispoñen dun total de 185 equipos para a realización de videoconferencias, das que 100 son fixos e 85 móbiles. A localidade galega con máis equipos de videoconferencias é A Coruña, con 36; seguida de Vigo, con 21; Pontevedra, con 19; Ourense, con 16; e Santiago e Lugo, ambas con 13.
Por outra banda, todas a sedes xudiciais de Galicia dispoñen tamén de sinatura electrónica integrada co sistema de xestión procesual Minerva. Na actualidade, este sistema permite a presentación electrónica de procedementos monitorios civís e sociais para todos os partidos xudiciais de Galicia. Permite tamén a presentación electrónica de demandas de xuizo verbal nos órganos de Primeira Instancia da Coruña, Ourense e Lugo. Dende Minerva, os profesionais da xustiza poden descargarse os vídeos coas gravacións das vistas.
Durante o mes de marzo deste ano asináronse electrónicamente un total de 392.222 documentos, dos que o 96,42% foron tramitados dende Minerva. Os principais usuarios desta funcionalidade son os letrados da Administración de Xustiza, que asinaron un 82,89% do total. Entre xaneiro e marzo de 2021 asináronse de xeito electrónico algo máis de un millón de documentos.
Os xulgados de Galicia emitiron entre xaneiro e marzo de 2021 máis de 2,2 millóns de comunicacións telemáticas a través do sistema LexNet. A maior parte delas foron notificacións (1,68 millóns) e escritos de trámite (483.000).