Feijóo salienta a aposta da Xunta por un Ferrol con máis e mellores servizos a través de proxectos como a renovación do Hospital Público ou o Plan Rexurbe

Sostén que os galardoados cos premios Ártabros acreditan que Ferrol e a súa comarca contan con persoas e institucións dispostas a construír unha cidade mellor en todos os eidos: cultural, deportivo, económico e social

Destaca a aposta da empresa Windar por Galicia, que asinou con Navantia en 2020 o contrato con Iberdrola para a construción, no estaleiro de Fene, de 62 jackets para o parque eólico de Saint-Brieuc
 

Ferrol, 23 de abril de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta da Xunta por un Ferrol con máis e mellores servizos, a través de proxectos como a renovación do Hospital Público ou o Plan Rexurbe, que permitirá rehabilitar 19 inmobles cun orzamento de 10 millóns de euros.

Nesta liña, e no acto de entrega dos premios de Galicia Ártabra, referiuse aos premiados como exemplo de que a cidade departamental e a súa comarca contan con persoas e institucións dispostas a construír unha cidade mellor en todos os eidos: cultural, deportivo, económico e social.

Ao respecto, gabou as traxectorias da Asociación Cultural e Recreativa Rancho das Rendilheiras dá Praça de Vila do Conde, da Sociedade Artística Ferrolá e da Editorial Embora, destacando que todas comparten a convicción de que a cultura non é un territorio estreito nin excluínte, senón que é un gran espazo de acollida do que todos podemos formar parte. “Un compromiso que asumimos desde a Xunta”, dixo, referíndose a iniciativas como a colaboración co Concello no impulso da candidatura do Ferrol da Ilustración a Patrimonio Mundial.

No ámbito deportivo, salientou o labor da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, que acubilla desde 1988 aos amantes da natación da bisbarra, converténdose nun expoñente do deporte de base que transmite os valores do esforzo, a deportividade ou a capacidade de superación.

Así mesmo, referiuse ao traballo diario da Forza de Protección da Armada FUPRO, unha das tres compoñentes da Forza de Infantería de Mariña que ten como misión garantir a seguridade e protección do conxunto de Bases, Instalacións ou persoas da Armada; e que, a día de hoxe, manteñen diversos equipos embarcados nos buques da Armada implicados na loita contra a piratería.

Da Cociña Económica de Ferrol destacou a súa traxectoria tenaz para proporcionar un menú a persoas en dificultades económicas; e o compromiso do Banco de Alimentos Rías Altas e do Centro de Recursos de Narón, que procura alimentos, roupa ou libros para as familias que os necesitan.

O responsable do Executivo galego valorou tamén que un dos premios Ártabros recaese este ano na Área Sanitaria de Ferrol e nos seus 31 puntos de saúde e consultorios, nos seus 9 puntos de Atención Continuada e no Hospital Público de Ferrol. Unha estrutura que ofrece cobertura a 182.751 tarxetas sanitarias de 20 concellos.

“A todos os seus traballadores quero transmitirlles o noso orgullo e agradecemento polo seu labor e a súa vocación nos difíciles momentos que trouxo a pandemia”, aseverou, recordando que o plan director para a renovación do Complexo Hospitalario contempla un investimento total de 130 millóns para ofrecer máis e mellores servizos.

“E estes premios evidencian ademais que o servizo á sociedade pode demostrarse no momento xusto, como fixo Álvaro Fraga Díaz cando salvou a un bebé que caeu desde a xanela dun primeiro piso nas vivendas de Recimil”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, Feijóo enxalzou tamén a implicación da Asociación de veciños de Caranza co seu barrio e o talento empresarial de Windar, que asinou con Navantia en 2020 o contrato con Iberdrola para a construción, no estaleiro de Fene, de 62 jackets para o parque eólico de Saint-Brieuc. Un encargo que consolida a Galicia no sector da eólica mariña.

O titular da Xunta aseverou que fitos coma este demostran o potencial da industria galega. E demandou novamente ao Goberno central que dote de carga de traballo a Navantia: cun buque de aprovisionamento, ata que se inicie a execución das fragatas F-110; ou coa execución do dique cuberto, necesario para avanzar na modernización dos asteleiros públicos.

“Un futuro industrial que queremos asegurar tamén co impulso do Campus Industrial de Ferrol, que recentemente obtivo a acreditación”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta