O presidente do Goberno galego visitou esta mañá as unidades de radioterapia, de medicina nuclear e de mama do hospital Meixoeiro

Feijóo avanza unha nova normativa para homoxeneizar e incrementar a eficiencia das unidades de mama do Sergas

Resalta o investimento de catro millóns no Meixoeiro para, xunto á reforma das unidades de oncoloxía radioterápica e medicina nuclear, ampliar a unidade de mama e integrar nun único servizo todos os recursos diagnósticos e terapéuticos da área de Vigo

Subliña un investimento de case 7 millóns na mellora das envolventes térmicas do Meixoeiro; “e hoxe mesmo publicamos a licitación por preto de 4 millóns da mellora da climatización das plantas de hospitalización”, di

Lembra que neste 2021 o orzamento da Xunta conta cun investimento de case 3 millóns para mellorar varias unidades do Cunqueiro, e reitera o compromiso coa atención primaria, coa construción do Centro de Saúde de Bouzas e do Centro integral de saúde Olimpia Valencia

Vigo, 23 de abril de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha nova normativa para homoxeneizar e incrementar a eficiencia das unidades de mama do Servizo Galego de Saúde; “para harmonizar o modelo organizativo, humanizar a asistencia e dotar aos profesionais de servizos integrados de información”, dixo, garantindo o compromiso de seguir creando unidades diagnósticas e seguir mellorando a sanidade.

Nesta liña, salientou o investimento de catro millóns de euros no Meixoeiro para, xunto á reforma das unidades de oncoloxía radioterápica e medicina nuclear, ampliar a unidade de mama e integrar nun único servizo todos os recursos diagnósticos e terapéuticos da área de Vigo, tanto de cribado como de diagnóstico hospitalario. Así, a unidade de oncoloxía radioterápica conta, entre outras cousas, con catro aceleradores lineais de nova xeración, cun novo acceso e con oito novas consultas. Ademais, a unidade de mediciona nuclear conta cunha área pediátrica específica con espazos exclusivos para os nenos.

Durante unha visita ás unidades de radioterapia, de medicina nuclear e de mama do hospital, Feijóo lembrou que desde 2015 a Administración autonómica ten o compromiso de investir máis de 22 millóns neste hospital para modernizalo e amplialo. Ao respecto, subliñou, a modo de exemplo, a adaptación da planta baixa para convertela no laboratorio central da área sanitaria de Vigo, a creación do novo laboratorio de microbioloxía ou as melloras nos accesos e no sistema de climatización do centro.

Sobre este último punto, precisou un investimento de case 7 millóns de euros na mellora das envolventes térmicas; “e hoxe mesmo publicamos a licitación por preto de 4 millóns da mellora da climatización das plantas de hospitalización”, confirmou.

O titular da Xunta aproveitou a súa intervención para recordar que a área sanitaria de Vigo foi un espello para Galicia e para España na aplicación de iniciativas novidosas contra a pandemia. Non en van, no Meixoeiro instalouse o primeiro punto covid-auto de España, que permitía facer unha PCR sen cita previa e sen baixar dun coche; “avanzamos en Vigo a aplicación do pooling para realizar análises agrupados de mostras e creouse un novo laboratorio de microbioloxía”, abundou.

Logo de resaltar que neste 2021 o orzamento da Xunta conta cun investimento de case 3 millóns para seguir mellorando os circuítos e axustando varias unidades do Cunqueiro, Feijóo destacou o compromiso da Administración autonómica coa atención primaria, coa construción do Centro de Saúde de Bouzas, que estará finalizado este verán; e do Centro integral de saúde Olimpia Valencia, que contará cun investimento de case 12 millóns de euros.

Imaxes relacionadas