O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a planta de Benteler en Mos (Pontevedra)

Conde destaca a confianza de Benteler en Galicia ao investir 9M€ nas plantas de Vigo e Mos para desenvolver o seu modelo piloto de Fábrica 4.0

Salienta o reto tecnolóxico que está a afrontar Benteler para dixitalizar toda a súa cadea de produción e subministración nas dúas plantas que ten en Galicia

Precisa que conta co apoio da Xunta a través do programa Fábrica Intelixente que, nas catro edicións que se levan convocado, xa permitiu financiar 24 proxectos de I+D que mobilizan 272M€ e nos que participan 68 empresas e organismos de investigación

Mos (Pontevedra), 23 abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe a confianza de Benteler en Galicia ao investir 9 millóns de euros nas súas plantas de Vigo e Mos para desenvolver o seu modelo piloto de fábrica intelixente, o que contribúe ao liderado da industria galega da automoción.

Nunha visita á nova factoría que a empresa inaugurou hai un par de anos en Mos (Pontevedra), Conde salientou o reto tecnolóxico que está a afrontar Benteler para converter estas instalacións na súa planta de referencia en España e no modelo piloto de fábrica 4.0 para todo o grupo. Unha experiencia que, agora, vai trasladar á planta de Vigo, coa dificultade engadida de que alí este proceso de transformación dixital se vai realizar mentres continúa de forma simultánea a actividade produtiva e industrial.

O vicepresidente económico puxo en valor o dobre esforzo que está a realizar Benteler para dixitalizar toda a súa cadea de valor que, segundo dixo, conta co apoio da Xunta a través do programa Fábrica Intelixente. Un programa que, nas catro edicións que se levan convocado, xa permitiu financiar 24 proxectos de I+D con axudas por case 73 millóns de euros, cun capital mobilizado de 272 millóns e un total de 68 empresas e organismos de investigación públicos e privados beneficiados.

Benteler é unha das empresas que lidera eses proxectos porque participa nas dúas últimas convocatorias deste programa con axudas que, en total ascenden a 1,6 millóns de euros. Concretamente, na convocatoria que se acaba de resolver este ano, a Xunta ampliou un 40% o orzamento, que acada os 21 millóns de euros, para apoiar nove proxectos —incluído o de Benteler en Vigo—, nos que participan 23 empresas e seis organismos de investigación, coa previsión de que se poidan chegar a mobilizar 57 millóns e crear máis de 80 novos empregos.

Conde concluíu asegurando que Benteler, con 650 empregados en Galicia e unha facturación de preto de 200 millóns de euros, é “unha empresa de referencia dentro do sector da automoción” que está facendo en Galicia un importante investimento “en talento e novas tecnoloxías”.

Imaxes relacionadas