A Xunta agradece aos traballadores dos centros de menores o labor realizado durante os meses de pandemia

Estas instalacións contaron con protocolos de actuación e medidas de prevención para facer fronte a posibles casos de covid entre os menores ou os traballadores

Ferrol, 23 de abril de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá o centro de menores de Ferrol, onde agradeceu aos seus traballadores o labor realizado durante os últimos meses de pandemia para facer destas instalacións un lugar seguro para os menores que alí residen.

Jacobo Rey resaltou que grazas ao seu bo facer as nenas e nenos destes centros puideron seguir as clases e sentir a calor dun fogar en todo momento. Ademais, puxo en valor que o Goberno galego os dotou de protocolos e medidas de prevención fronte ao virus para saber como actuar no caso de que se rexistrara algún caso entre os menores ou entre os traballadores.

Galicia conta cun total de 60 centros residenciais para a protección de menores entre centros con fogares, casas de familia, vivendas tuteladas, miniresidencias, vivendas asistidas e centros de primeira acollida. Deles, un total de 16 atópanse na provincia da Coruña.